A Deputación leva ata a Sede de Vigo a exposición “Sobre debuxar, fiar e habitar” da artista Nerea Cordeiro

adminON
Lectura mínima de 2

A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, inaugurará a mostra este mércores 2 de outubro. Poderase visitar na sala Maruja Mallo ata o 25 de outubro

A sala Maruja Mallo da Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acollerá ata o día 25 de outubro a exposición “Sobre debuxar, fiar e habitar”, da artista buenense Nerea Cordeiro. A mostra, que presenta unha pequena parte do amplo traballo plástico desenvolvido pola artista nos seus dous últimos proxectos, “Cidades telaraña” (2022-2023) e “Figuras de cordas” (2023- ), será inaugurada o mércores 2 de outubro ás 19:00 horas pola vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, que estará acompañada pola propia artista.

Na mostra, protagonizada por unha liña que se fai camiño do papel ao espazo coa incorporación de fío, preténdese iniciar unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura. Tamén busca activar e dinamizar socialmente a contorna que a rodea, tratando temas de actualidade relevantes desde o prisma da arte contemporánea. Ademais, “Sobre debuxar, fiar e habitar” enmárcase no contexto dunha incipiente tese de doutoramento (UVigo-UCM) que se centra na produción artística e pretende indagar na interconexión que se produce entre o lugar e a arte.

Nerea Cordeiro (1999) vive e traballa entre Galicia e Madrid. Despois de cursar o grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo, trasladouse á capital para facer un mestrado universitario en Investigación en Arte Contemporánea na Universidade Complutense. Actualmente forma parte do programa de doutoramento da mesma institución. Defínese como unha artista multidisciplinar, que adoita traballar coa instalación e coa intervención. Nestes momentos está a realizar unha investigación baseada nas prácticas artísticas, cuxa principal aspiración é abrir unha conversa arredor das posibilidades de converxencia que existen entre o debuxo e a escultura, entendendo a segunda como debuxo no espazo.

Comparte este artigo