HomeO MorrazoCangasA Deputación leva este luns a Cangas do Morrazo un concerto de...

A Deputación leva este luns a Cangas do Morrazo un concerto de Mondra a través do programa provincial +Música

- Anuncio -spot_img

O grupo actuará no recinto de festas das naves de Ojea ás 22:30 horas no marco das Festas do Cristo

+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

A Deputación de Pontevedra leva este luns 1 de setembro a Cangas de Morrazo un concerto de Mondra enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar no recinto de festas das naves de Ojea a partir das 22:30 horas no marco das Festas do Cristo.

Mondra é un artista, cantareiro e bailador vencellado á música e o baile tradicionais galegos, así como ao teatro e o audiovisual. En setembro de 2023 publica o seu primeiro traballo discográfico “ARDĒN”, que presenta unha experiencia musical, visual e performativa en diálogo coa música tradicional galega. Unha proposta irreverente e íntima á vez, un relato de resistencia e celebración, que lle valeu o Premio Martín Códax da Música 2024 na categoría de Electrónica. Sobre os palcos, Mondra ten realizado ata a data máis de oitenta concertos dentro e fóra da xeografía galega co seu espectáculo “FOLĪA das ARDENTES”, aclamado polo público e crítica. En Cangas do Morrazo presentará o seu traballo máis persoal e intimista, “De ronda”, unha proposta acústica na que a voz e as percusións tradicionais ocupan o centro dun novo relato que conecta co máis esencial, simple e visceral.

O concerto de Mondra é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.

Publicacións Relacionadas