Mondra actuará ás 22:30 horas na Praza do Seixo, en Tomiño, mentres que Dakidarría o fará a partir das 23:59 horas na Praza do Concello de Salceda de Caselas no marco das Festas do Cristo
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 19 de xullo un concerto de Mondra a Tomiño e outro de Dakidarría a Salceda de Caselas, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na Praza do Seixo de Tomiño ás 22:30 horas e na Praza do Concello de Salceda ás 23:59 horas.
Mondra é un artista, cantareiro e bailador vencellado á música e o baile tradicionais galegos, así como ao teatro e o audiovisual. En Tomiño presentará o seu traballo máis persoal e intimista, unha proposta acústica na que a voz e as percusións tradicionais ocupan o centro dun novo relato que conecta co visceral. Pola súa banda, Dakidarría é un dos grupos referentes nos festivais musicais galegos, contando cun gran número de seguidores. Tras vinte anos de traxectoria, recala en Salceda de Caselas para ofrecer un show musical no que fusiona diversos estilos musicais coma o rock, ska, reggae ou hip-hop.
O concerto de Mondra e Dakidarría son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.