Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no Auditorio José Gil das Neves ás 17:00 horas e na Praza do Seixo de Tomiño ás 19:00 horas
Organizaranse ata 35 citas destes obradoiros nos próximos meses ao longo de todo o territorio provincial
A Deputación de Pontevedra leva este venres, 13 de xuño, ata As Neves e Tomiño a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’ organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A actividade terá lugar ás 17:00 horas no Auditorio José Gil das Neves e ás 19:00 horas na Praza do Seixo de Tomiño e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros por todo o territorio provincial.
A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Neles, percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.
Ata a data xa está confirmada a chegada desta actividade ata Cerdedo-Cotobade, onde se poderá desfrutar tamén este venres ás 12:30 horas no CEIP de Tenorio; a Catoira, o 19 de xuño ás 11:30 horas, no CPI de Progreso; o 20 de xuño ás 19:00 horas nos Xardíns da Xunqueira en Redondela; e o 21 de xuño ás 18:30 horas no Pazo de Mos. En xullo a actividade chegará a Ponteareas, Portas, Vilagarcía de Arousa, O Porriño, Gondomar, O Grove, O Rosal, Oia, Cuntis, Pontecesures, Mondariz, Cambados, Meaño, Ribadumia, Moraña, A Lama e Cangas do Morrazo.