O espectáculo de teatro familiar poderá verse de balde ás 20:00 horas no auditorio do edificio multiúsos
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 26 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Moraña co espectáculo de teatro “O Apalpador e as palabras perdidas”, de A Xanela do Maxín. A función comezará ás 20:00 horas no auditorio do edificio multiúsos da vila, e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025, cun orzamento de 150.000 euros.
“O Apalpador e as palabras perdidas” é un espectáculo familiar no que se mesturan monicreques, hologramas, música e moito agarimo e no que os xogos tradicionais e as palabras perdidas serán grandes protagonistas. Unha peza para buscar, atopar e recuperar xoguetes e palabras esquecidas por moitas persoas que volverán na noite do Nadal en forma de agasallo, para seguir aprendendo e gozando de tradicións e dun idioma tan máxicos como fermosos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.