A risoterapia, clases de zumba, de pilates, obradoiros de arte floral e a alimentación saudable para o Nadal, serán as protagonistas desta nova edición de Enredadas. Actividades, todas elas de balde, que se desenvolven en colaboración con seis asociacións do concello de Soutomaior.
A concelleira de Igualdade e de Benestar Social, Rosana Martínez Boullosa presentou hoxe unha nova edición do programa Enredadas. Unha iniciativa que, ao abeiro da oficina CIM, impulsará o concello de Soutomaior durante os meses de outubro e novembro, un conxunto de iniciativas e actividades grupais dirixidas a mulleres maiores de 60 anos realizadas en colaboración con distintas asociacións veciñais do concello. Ademais, naqueles casos nos que as mulleres interesadas en participar pertenzan a colectivos vulnerables (vítimas de violencia de xénero, migrantes, mulleres con mobilidade reducida…), non se terá en conta o criterio de idade.
Os obxectivos de ‘Enredadas’ van desde afastar da soidade a estas mulleres ata traballar o seu autocoñecemento, a autoestima, a asertividade… así como fomentar o aumento do seu grao de empoderamento e a creación ou afianzamento das redes de apoio entre elas. Todas estas sesións terán un transfundo lúdico e traballaranse todos estes conceptos a través de xogos e dinámicas, actividades, exercicios de relaxación, entre outros. En canto á colaboración coas asociacións veciñais, por unha banda inténtase fomentar a vida nos distintos barrios do concello, e por outra facilitar o desprazamento ás mulleres participantes.
As actividades, todas elas de balde, comezarán, na meirande parte, na primeira semana de outubro , e serán de carácter semanal. Así, do 9 de outubro ao 27 de novembro impartirase todos os mércores en horario de 17:00 a 18:30 h. un obradoiro de risoterapia, en colaboración coa Asociación de Veciños de Romariz. O día 9 tamén comezarán as clases de zumba en colaboración coa Asociación de Veciños de Moreira que se desenvolverá ata o 27 de novembro. Nas mesmas datas desevolverase o obradoiro de Pilates en colaboración coa asociación Oito de Decembro. O día 27 de setembro e ata o 22 de novembro a Asociación Veciñal Pozovello contará co obradoiro de arte floral. A alimentación saudable para o Nadal será, do 29 de outubro ao 3 de decembro, a protagonista do obradoiro que se impartirá coa Asociación de Veciños de Alxán, unha temática que tamén se levará a cabo no obradoiro de Mulleres Rurais Anduriña que se desenvolverá do 5 de outubro ao 23 de novembro.
As mulleres interesadas en formar parte destas iniciativas poden inscribirse poñéndose en contacto de xeito directo coa Asociación que imparte a actividade elixida e que colabora cunha nova edición de Enredadas.

