O proxecto RAIA Gerês-Xurés, que beneficiará aos municipios de Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Calvos de Randín e Bande, tamén ten como obxectivo fortalecer a identidade territorial compartida, o impulso de actividades baseadas nos recursos locais e na posta en valor do patrimonio natural e cultural
Este é un dos tres plans aprobados na convocatoria do programa europeo Poctec para esta reserva da biosfera, cun financiamento de 12 millóns de euros, dos que o 72 % (8,65 M€) executaranse nos seis municipios ourensáns
O presidente provincial, Luis Menor, celebrou a concesión dos tres proxectos e mailo liderado do plan RAIA por parte da Deputación, impulsando así o “obxectivo estratéxico” de captación de fondos europeos, “claves na corrección dos desequilibrios económicos, sociais e territoriais”.
A Deputación de Ourense, en colaboración con universidades e administracións locais galegas e portuguesas, liderará un proxecto de desenvolvemento sostible na Reserva de biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés que contará con 3,6 millóns de euros de financiamento europeo -2,5 para investir na comarca da Baixa Limia-, no marco do programa de cooperación Interreg VI-A España- Portugal (Poctep).
Trátase do proxecto RAIA Gerês-Xurés, que beneficiará aos seis municipios ourensáns desta reserva: Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Calvos de Randín e Bande. A finalidade desta iniciativa é contribuír ao desenvolvemento sostible da reserva mediante o fortalecemento dunha identidade territorial compartida, o impulso de actividades baseadas nos recursos locais e na posta en valor do patrimonio natural e cultural co propósito de reforzar a cohesión social, económica e ecolóxica de ambos lados da fronteira.
Co liderado da institución provincial ourensá, neste proxecto participan outros 11 socios. Xunto á Deputación ourensá figura a Universidade de Vigo, mentres que os socios portugueses son a Universidade do Minho; Associação de Desenvolvimento das Regiões do Parque Nacional da Peneda Gerês – ADERE Peneda Gerês; as comunidades intermunicipais do Alto Minho e Alto Tâmega e Barroso, e Cávado; e os municipios de Melgaço, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Montalegre,e Terras de Bouro.
Restauración ecolóxica e innovación na gandeiría
O proxecto RAIA Gerês-Xurés é un dos tres plans aprobados na convocatoria do programa europeo Poctec para esta reserva da biosfera, xunto cos proxectos Ecoreg Gerês-Xurés, centrado na restauración ecolóxica, conservación ambiental; e GEXPOCTEP, destinado á innovación e sostibilidade na gandería autóctona nesta reserva da biosfera.
O espazo natural recibirá o 40 % do total do orzamento da convocatoria destinado ás sete áreas funcionais da fronteira hispano-lusa e cuxo obxectivo principal é impulsar o desenvolvemento económico, social e ambiental desta área. Os tres proxectos financiaranse con 12 millóns de euros, dos que o 72 % (8,65 M€) executaranse nos seis municipios ourensáns da Baixa Limia.
Aposta provincial polo financiamento europeo
O presidente provincial, Luis Menor, celebrou a concesión destes proxectos e o significativo investimento que suporá para os municipios ourensáns da reserva de biosfera, agradecendo en concreto a iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por contar coa Deputación para liderar un destes plans.
Neste sentido, o presidente provincial puxo en valor a “experiencia e o excelente traballo” que veñen desenvolvendo os técnicos provinciais para cumprir co “obxectivo estratéxico” de captación de fondos europeos, case 28 millóns de euros desde o inicio do mandato, o que permite aumentar de modo moi significativo os recursos destinados aos concellos, “fondos claves na corrección dos desequilibrios económicos, sociais e territoriais”.
Lembrou neste sentido importantes proxectos que executa a Deputación de Ourense con financiamento europeo como son os Plans de Actuación Integrados de Valdeorras e Ourense Sur, cun total de 14,5 millóns de euros e 8,6 financiados pola UE; ou o proxecto OU-Intelixente para a dixitalización do ciclo da auga, cun orzamento total de 13,5 millóns de euros e 7,8 millóns aportados por Europa.

