Para cooperación cos concellos destínanse máis de 13,1 M€ que permitirán financiar 300 actuacións municipais
Para colaboración con entidades a dotación supera os 7,2 M€, que financiarán preto de 270 actividades de colectivos dos máis diversos ámbitos. Neste capítulo, as mancomunidades percibirán algo máis de 1M€ para realizar unha ducia de accións
Na sesión aprobouse unha terceira modificación de crédito, correspondente ao Inorde por importe de 462.500 €, así como o orzamento para 2026 do Consorcio de Augas de Valdeorras, que ascende a 1,8 M€
A Corporación apoiou catro mocións referidas a emerxencias na provincia, intervención integral en estradas, estudo sobre a silicose e o aproveitamento lúcido das augas termais
A Deputación de Ourense mobilizará preto de 20,4 M€ (20.380.151,9 €) para cooperación cos concellos e mancomunidades, así como para colaboración con entidades, trala aprobación hoxe por parte do Pleno de senllas modificacións de crédito cuxos fondos proveñen do remanente de tesourería para gastos xerais, correspondente ao exercicio de 2025.
A primeira das modificacións aprobadas na sesión desta mañá, -pleno correspondente ao mes de abril- foi a referida a cooperación coas entidades locais, ás que se destinan máis de 13,1 M€ (13.133.242,80 €). Deste total, algo máis de 11,2 millóns corresponden a transferencias de capital e case 1,8 millóns a transferencias correntes.
Estes recursos permitirán financiar 300 actuacións municipais, que na maior parte dos casos refírense á mellora de servizos públicos básicos, incluíndo ademais traballos de reparación e rehabilitación de infraestruturas que quedaron danadas tralos lumes do pasado verán e os temporais deste inverno.
Destacan algunhas partidas como os 750.000 € destinados ao cofinanciamento da construción ou reforma de residencias para maiores ou centros de día, en colaboración coa Xunta de Galicia, nos concellos de Baltar, Calvos de Randín e Xunqueira de Ambía, así como 300.000 € máis para acondicionar a contorna de centros de maiores en Padrenda e Piñor.
Para infraestruturas deportivas distribuiranse máis de 1,4 M€, con actuacións nos campos de fútbol de seis concellos máis a ampliación do polideportivo de Barbadás (412.417,53) e a construción das instalacións de Vilamarín (200.000).
No ámbito educativo figuran 250.000 € para distribuír a partes iguais entre os concellos con conservatorios de música (O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia).
Ademais consta unha partida de 480.000 € para os concellos que teñen bases dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), que recibirán cada un deles 40.000 € (Avión; O Barco; Castro Caldelas; A Gudiña; Laza; Lobios; Maceda; Muíños; Pereiro de Aguiar, Ribadavia e A Veiga). A mesma cantidade percibirá o servizo da mancomunidade Terra de Celanova. Laza disporá de 100.000 euros para a primeira fase da base de Protección Civil, e a Asociación provincial de Agrupacións de Voluntarios deste corpo tamén contará con axuda para as súas actividades.
Colaboración con entidades
A segunda modificación de crédito aprobada esta mañá corresponde á colaboración con entidades. En total máis de 7,2 M€ (7.249.909,1) para financiar preto de 270 actividades de colectivos dos máis diversos ámbitos (empresarial, social, medio rural, medio ambiente, mobilidade sostible, cultura, deporte, eventos musicais e gastronómicos e actividades de lecer).
Do total, case 5,6 M€ corresponden a suplementos de crédito e créditos extraordinarios do capítulo IV (transferencias correntes) e o resto, máis de 1,6 M€ a créditos extraordinarios do capítulo VII (transferencias de capital).
Esta segunda modificación recolle máis de 1M€ para colaborar na realización dunha ducia de actuacións nas mancomunidades de municipios de Ourense, Ribeiro, O Carballiño, Conso-Frieiras, Terra de Celanova, Santa Águeda, Verín e a mancomunidade turística Terras do Avia. Destaca neste punto a achega de 500.000 euros á mancomunidade de Verín para cofinanciar o Plan de Actuación Integrado “Futuro Verde do Alto Támega”, impulsado por concellos das comarcas de Monterrei e Conso Frieiras (Castrelo do Val, Cualedro, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós).
Modificación de crédito do Inorde e Consorcio de Augas de Valdeorras
Entre os asuntos da sesión figuraba unha terceira modificación de crédito, desta volta correspondente ao Inorde, por importe de 462.500 euros destinados ao centro colaborativo de Cantoña, a participación en feiras e exposicións, axudas a concellos para asuntos referidos a turismo, razas autóctonas de gando ou entroido, ademais de actuacións na estación de Baños de Molgas. Cómpre engadir que, tamén relacionado co Inorde, aprobouse o regulamento do sistema de carreira administrativa para os empregados deste instituto.
Dentro tamén dun amplo capítulo económico, aprobouse o orzamento para 2026 do Consorcio de Augas de Valdeorras, que ascende a 1.850.000 euros.
Entre os acordos adoptados hoxe pola Corporación destaca ademais a aprobación do Convenio de Cooperación Territorial Europea entre a Deputación de Ourense e as comunidades intermunicipais portuguesas de Alto Minho, Cavado, Alto Tâmega e Barroso, con vistas a constituír a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) de Raia Seca e Gerês-Xurés, acordo que inclúe a aprobación da nova proposta de estatutos desta agrupación.
Trátase dun novo paso na creación deste instrumento de cooperación transfronteiriza, que aglutina a 13 municipios da provincia, e que ten por obxecto mellorar os servizos que se lle prestan á veciñanza, loitar contra a despoboación e vertebrar o territorio.
O convenio máis os estatutos foron asinados en maio do pasado ano polos representantes das administracións que integrarán esta agrupación, nun acto celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Estes documentos regresan agora ao Pleno trala revisión e propostas de corrección formuladas polos gobernos de España e Portugal.
A parte resolutiva da orde do día completábase coa delegación de competencias para a recadación de taxas por abastecemento de auga en poboacións do Concello de Carballeda de Valdeorras
Emerxencias na provincia
No capítulo propositivo, a Corporación aprobou unha moción sobre emerxencias na provincia. O texto pide que se garanta a cobertura de persoal vacante, prazas estruturais suficientes e a adaptación ás condicións reais do traballo dos profesionais, ademais de solicitar á Deputación e á Xunta a integración dos GES no Consorcio Provincial de Bombeiros.
Avógase ademais pola continuidade das actuais sedes municipais ou a reorganización nos parques comarcais, así como a redución da carga administrativa e funcional dos concellos en emerxencias, aumentando o investimento en medios materiais e infraestruturas, impulsando a integración funcional das agrupacións de Protección Civil nun sistema provincial de emerxencias, e clarificar as funcións e responsabilidades do persoal.
Intervencións nas estradas de Vilariño de Conso e Viana do Bolo
Noutra iniciativa aprobada esta mañá pídese á Deputación a intervención integral nas estradas OU-0701 (Ponte Cabalar-Vilariño de Conso) e OU-0908 (Viana do Bolo-Vilariño de Conso), incluíndo a ampliación da estrada, renovación do trazado e do firme e redución de curvas, obras a executar nun prazo máximo de 3 anos pedindo colaboración económica ao Goberno central e á Xunta de Galicia.
Incidencia da silicose
A corporación tamén apoiou unha terceira moción para solicitar que se recoñeza a silicose como un grave problema de saúde pública de xeito particular en Valdeorras, dado o peso da industria da lousa na comarca e a súa incidencia entre os traballadores do sector. Nesta liña solicítase á Área Sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras que realice un estudo sobre a prevaleza da silicose en todas as cotas médicas do distrito sanitario da comarca.
Aproveitamento lúdico das augas termais
Por último, o Pleno acordou pedir á Xunta á revisión da regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia, en particular daqueles aspectos que estean a xerar dificultades de interpretación ou de aplicación por parte dos concellos, especialmente no relativo aos requisitos técnicos esixidos para o aproveitamento lúdico das augas termais, garantindo en todo caso o mantemento das condicións de salubridade e hixiene das mesmas.
Tamén pídese que, no proceso de revisión da citada norma, téñase en consideración as achegas e a experiencia dos concellos e deputacións que dispoñen de recursos termais susceptibles de seren destinados ao aproveitamento lúdico, co obxectivo de acadar unha regulación máis axustada á realidade do territorio e as necesidades das administracións locais.

