Os participantes, de entidades de seis concellos da provincia, visitarán lugares como Tui, San Simón, O Grove, Cambados, Combarro, ou, entre outros, A Guarda
Máis de 460 persoas de oito entidades sociais dos concellos de Cangas, Moaña, Mos, Ponte Caldelas, Redondela e Vigo participarán esta fin de semana noutras tantas saídas do +Convivencia da Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ofrece a oportunidade de compartir experiencias e crear espazos de participación en recursos patrimoniais da provincia. Neste caso, o programa provincial chegará a lugares como Tui, San Simón, O Grove, Cambados, Combarro, ou, entre outros, A Guarda.
As saídas comezarán este sábado 19 de outubro, cando 56 persoas da Asociación de Pensionistas de Ariño de Aldán, de Cangas, visitarán Tui, o monte Santa Trega e A Guarda; 50 da Asociación de Familiares de Persoas con Alzheimer e outras Demencias do Morrazo (AFAMO), de Moaña, unha ruta musicada de espazos e sons de viña e mar por Viñó e Donón; 114 persoas da ANPA Mestre Martínez Alonso, de Mos, visitarán a illa de San Simón; 50 da Asociación Cultural e Artística Os Contentos, de Ponte Caldelas, farán unha excursión ao Corpiño, o pazo de Oca e as fervenzas da Toxa; 53 da Comisión de Festas da Virxe do Carme Trasmañó-Cabanas-Rande, de Redondela, desfrutarán dunha excursión ao Grove, Cambados e Combarro, e 53 persoas da Fundación para a Pesca e o Mariqueo (Fundamar), de Vigo, realizarán un safari intermareal.
Por outro lado, o domingo 20 de outubro 87 persoas da ANPA O Lecer, do CEIP Chans-Bembrive de Vigo, farán unha ruta de marisqueo en Cambados, e 74 persoas da ANPA CEIP PL Ría de Vigo desfrutarán da ruta dunha ruta de rastros e pegadas do bosque galego por San Miguel de Oia.
O programa +Convivencia, dotado de 220.000 euros, permite a entidades sen fins de lucro da provincia coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades de todo tipo relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, a relixiosa, a popular, cos faros, co Camiño de Santiago ou cos museos. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia. O prazo para solicitar as actividades, que deberán realizarse antes do 15 de decembro, permanece aberto ata o 1 de decembro.
Como novidade, o goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata mil euros para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Deste xeito rómpese co que acontecía ata o de agora, pois eran grandes grupos de viaxes, moi afastados das asociacións que organizaban as actividades, os que se facían coas ofertas.

