Trátase dunha actividade enmarcada no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade, que será impartida pola xornalista Diana López Varela e contará con tres sesións os luns 2, 9 e 16 de xuño no Edificio Administrativo da Deputación
A Deputación oferta un total de 20 prazas e a inscrición, aberta xa, pode realizarse a través do correo electrónico participa.igualdade@depo.es
A Deputación de Pontevedra pon en marcha o próximo mes de xuño o primeiro obradoiro de narrativa enmarcado no programa Mulleres de Palabra(s) do Ateneo pola Igualdade. A acción leva o título de “O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres”, será impartida pola xornalista e escritora Diana López Varela e contará con tres sesións, os luns 2, 9 e 16 de xuño en horario de 19:00 a 20:30 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Deputación en Pontevedra. O taller conta con 20 prazas e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico participa.igualdade@depo.es.
Neste obradoiro as persoas asistentes aprenderán sobre o uso da primeira persoa feminina na literatura, que durante moito tempo as autoras se esmeraron en ocultar ou disimular mesmo cando os escritores varóns si se beneficiaron del nas súas creacións. Desde o uso de pseudónimos para personaxes e narradores masculinos ata as novas fórmulas da autoficción, esta acción abordará como a literatura feita por mulleres sempre estivo ligada á experiencia feminina, convertendo o persoal en literatura e transcendendo ao longo das xeracións para conservar a memoria escrita do 52% da poboación.
En “O persoal é literatura. O uso da primeira persoa na escritura das mulleres” abordaranse cuestións como as representacións da feminidade nos textos escritos por mulleres, a historia da literatura feminina desde o punto de vista do narrador literario e a distinción do uso da primeira persoa en distintos formatos. Tamén se clasificará a escritura das mulleres segundo os temas universais recorrentes nas súas obras, avaliarase o impacto de grandes éxitos literarios no movemento feminista e analizarase o tratamento que recibe a escritura feita por mulleres por parte dos medios de comunicación baseada na propia experiencia da escritora e xornalista Diana López Varela.