• “O boicot do Bloque á dragaxe e as contradicións do PSOE están a prexudicar a Pontevedra, nun momento no que debemos remar todos xuntos para que o Goberno de España informe á Xunta do punto definitivo de depósito dos áridos. Non se pode perder nin un minuto máis”, afirma o líder do PP
• Os populares esixen explicacións a Lores por renunciar a unhas axudas de fondos europeos, convocadas pola Xunta, para liderar un proxecto de mantemento e rehabilitación da ribeira do Lérez
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou que o Goberno local ha perdido a oportunidade de investir un millón de euros de fondos europeos na mellora da ribeira do Lérez, ao renunciar oficialmente no 2024 ás axudas convocadas pola Xunta de Galicia no 2021, dotadas con 22,7 millóns de euros, para a rehabilitación de Bens de Interese Cultural (BIC).
“O hartazgo político do alcalde e a incapacidade dos seus oito concelleiros para avanzar cara a unha administración moderna e eficaz está a afectar ao desenvolvemento de Pontevedra e, neste caso concreto, a un proxecto de mantemento e rehabilitación do tramo comprendido entre As Xunqueiras e As Aceas para mellorar os salóns do Lérez, na parte máis próxima á ponte do ferrocarril, cunha axuda económica de 1M€”, afirmou o líder do PP.
Domínguez pediu explicacións ao alcalde #Miguel Anxo Fernández Lores por renunciar a unha actuación ambiental para mellorar os espazos verdes da cidade, unha vez que a Xunta trasladou ao Concello a necesidade de realizar axustes na redacción do proxecto definitivo para cumprir coa normativa sectorial.
“A pesar dos múltiples requirimentos do Goberno galego para cumprir os prazos da convocatoria oficial, o Goberno local non contestou en 2022 e en 2023, ata que en 2024 comunicou a súa renuncia oficial escudándose na dificultade de poñer ao dispor os terreos necesarios para realizar o proxecto”, informou antes de asegurar que haberá máis axudas económicas que Pontevedra perderá proximamente pola “incompetencia” do Bloque Nacionalista Galego.
Entre os proxectos transcendentais para o futuro da cidade que quere impulsar Domínguez a curto prazo está a dragaxe do río Lérez. “O boicot do BNG á dragaxe e as contradicións do PSOE están a prexudicar a Pontevedra, nun momento no que debemos remar todos xuntos para que o Goberno central informe dunha maldita vez á Xunta do punto definitivo de depósito dos áridos. Non se pode perder nin un minuto máis”, exclamou.
A vontade de Domínguez, e así o deixou de manifesto na rolda de prensa, é que o vindeiro luns se lance unha mensaxe de unidade de todos os grupos políticos de Pontevedra, despois de que o PSOE emendase a moción do PP para “tratar de tapar as vergoñas do seu partido en Madrid, ao escoitar as declaracións do número dous do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Hugo Morán, contradicindo o informe definitivo do CEDEX, un organismo técnico de acreditado prestixio que depende do seu propio Goberno”.
Tamén expresou o seu malestar polo “boicot” da senadora pontevedresa Carme da Silva (BNG) a unha obra esencial para o futuro da súa cidade como é a dragaxe do Lérez: “Están a abandonar a Pontevedra e a Lores polos seus intereses partidistas na ría de Arousa. Paréceme sumamente grave ao que está a xogar o Bloque e o dano que lle está facendo ao que foi un dos seus bastións políticos”.
Para finalizar, pediu responsabilidade ao BNG e ao PSOE, despois de catro anos de parálises do Goberno de España, para que “deixen de poñer por diante as súas valoracións e intereses políticos por encima da opinión dos expertos”, en referencia ao informe definitivo do CEDEX.