‘A relixiosidade popular en Galicia: sinal de identidade cultural’ desenvolverase o próximo mércores 25 de setembro no Edificio Castelao
A Deputación organiza no Museo de Pontevedra o vindeiro mércores 25 de setembro o seminario ‘A relixiosidade popular en Galicia: sinal de identidade cultural’, para analizar a fondo a situación das manifestacións materiais e inmateriais relacionadas coas crenzas relixiosas arraigadas na sociedade tradicional. Está dirixido por José Fuentes, exsecretario técnico do Museo de Pontevedra, e celebrarase no Edificio Castelao, de 9:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, con acceso libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban ata o 24 de setembro en reservas.museo@depo.gal.
Desde a súa fundación en decembro de 1927, o Museo de Pontevedra vén prestando atención a todo o relacionado coa etnografía e coa antropoloxía cultural, incluídas as diversas manifestacións inmateriais, tamén as de relixiosidade popular. Neste 2024, o Museo publicou o estudo en dous tomos escrito por José Fuentes, e programou a exposición ‘A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía’, que se pode visitar ata o 29 de setembro, na que estas crenzas e os elementos materiais a elas asociadas ocupan un lugar destacado.
No seminario, no que destacados especialistas abordarán aspectos do comportamento e do sentir relixioso do pobo galego desde o pasado ata o día de hoxe, poñerase sobre a mesa a situación actual das prácticas relixiosas que en moitos casos contan coa oposición de autoridades eclesiásticas, son criticadas por investigadores e ridiculizadas por medios de comunicación, a pesar de que son manifestacións recoñecidas e protexidas pola lexislación vixente.
A conferencia inaugural do seminario correrá a cargo de Salvador Rodríguez Becerra, catedrático de Antropoloxía Social da Universidade de Sevilla, que falará de como as ordes relixiosas nacidas na Baixa Idade Media e en séculos posteriores tiveron un papel fundamental na conformación da relixiosidade popular. A continuación, o etnógrafo José Manuel González Reboredo, achegará características propias do ámbito galego a partir do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego.
As tres seguintes conferencias da sesión matinal ocuparanse de prácticas específicas. O antropólogo cultural José Ramón Mariño Ferro disertará sobre as romarías de Galicia, centrándose nas súas imaxes e símbolos. A directora do Centro de Arte Fundación María José Jove e comisaria da exposición ‘A era das fábulas’, Susana González, achegarase aos cintos máxicos como amuletos protectores da infancia, situándoos entre a relixión e a superstición. E o mestre, etnógrafo e historiador Clodio González Pérez, falará da historia e devoción en Galicia dos santos das catacumbas.
A sesión vespertina arrancará con dúas charlas sobre os exvotos. Na primeira, José Fuentes Alende analizará o pasado, presente e futuro desta manifestación, e, a continuación, o cereiro Joaquín Diéguez Quintas falará da elaboración dos exvotos de cera. A última das conferencias correrá a cargo de Andrés Torres Queiruga, sacerdote e teólogo, que exporá a súa visión sobre as relacións entre a Igrexa e a relixiosidade popular. Finalmente, o seminario concluirá cunha mesa redonda entre os participantes, moderada por Erea Castro, conservadora de fondos etnográficos do Museo de Pontevedra.