O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe co alcalde deste municipio, José Antonio Pérez, as obras do Multiusos e as melloras no Fogar Residencial de Maiores, “dous proxectos clave para a dinamización social, cultural e asistencial de Verea”
Luis Menor destacou a importancia do Plan CooperOU como ferramenta clave para “garantir os recursos de forma transparente e obxectiva” a todos os concellos, mentres que o alcalde de Verea subliñou que os 700.000 euros que recibirá o concello neste mandato a través deste Plan permite actuar con “previsibilidade e planificar o noso orzamento”
A cooperación coas entidades locais consolídase como a máxima prioridade do goberno provincial e, no caso de Verea, recibirá neste mandato máis de un millón de euros da Deputación “superando con creces calquera investimento histórico na zona”, destacou Luis Menor
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou hoxe o Concello de Verea da man do seu alcalde, José Antonio Pérez, para coñecer en primeira persoa algúns dos proxectos que están a desenvolver co apoio da institución provincial como son o Fogar Residencial de Maiores e o Multiusos, “dous proxectos clave para a dinamización social, cultural e asistencial de Verea”, dixo Menor.
A visita, na que tamén participou o concelleiro Marcos Nogueiras e a deputada provincial Teresa Barge, comezou nas obras do complexo polideportivo e multiusos que dotará a Verea dun “espazo dinámico, un motor cultural e deportivo indispensable para fixar poboación e facer comunidade”, dixo Menor.
Posteriormente, achegáronse ata o Fogar Residencial de Maiores, unha infraestrutura “clave para os nosos concellos”, dixo Menor, asegurando que permitirá que “os nosos maiores sigan no seu territorio con total dignidade”.
Pola súa parte, o alcalde de Verea dixo que esta infraestrutura permitirá acoller “grandes eventos” e que os máis cativos do concello poidan practicar deportes como patinaxe, fútbol sala ou baloncesto, durante o inverno nunha condicións idóneas. Por elo, o rexedor asegurou que este multiusos “beneficiará dalgún xeito a toda a veciñanza”.
O Plan CooperOU: autonomía e estabilidade para os concellos
Na xuntanza tamén tiveron a oportunidade de avaliar o impacto do Plan CooperOU que, neste mandato, garante un investimento provincial en Verea de 700.000 euros. O presidente da Deputación subliñou que esta nova xestión dos recursos cumpre estritamente co seu compromiso de situar o apoio aos concellos no centro de todas as políticas públicas. O Plan CooperOU supuxo “un cambio de modelo a positivo e histórico: hoxe os concellos contan con recursos garantidos de forma transparente e obxectiva, permitíndolles planificar o futuro a medio prazo”, afirmou Menor.
No caso concreto de Verea, este orzamento permitiu deseñar un programa equilibrado que combina obras de infraestruturas, melloras viarias, así como o financiamento de gasto corrente. Neste sentido, o alcalde de Verea puxo en valor a colaboración institucional destacando a “previsibilidade” que ofrece o Plan CooperOU aos xestores municipais asegurando que lles permite “planificar o seu orzamento”.
A cooperación coas entidades locais consolídase como a máxima prioridade do goberno provincial e, no caso de Verea, recibirá neste mandato máis de un millón de euros da Deputación (sumando o Plan CooperOU e outras achegas), “superando con creces calquera investimento histórico na zona”, destacou Luis Menor. Trátase de manter unha colaboración entre institucións co obxectivo de “fixar poboación, mellorar a calidade de vida no rural e optimizar os servizos públicos municipais”, engadiu o presidente provincial.

