O vicepresidente segundo e deputado de Deportes, César Fernández, felicitou ao equipo polo éxito deportivo e animou ás xogadoras a seguir medrando: “Que a ambición non vos pare. É un orgullo para a provincia o voso merecido éxito deportivo”
O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Deportes, César Fernández, recibiu esta mañá no Pazo Provincial ás xogadoras, corpo técnico e directiva do Estrela Futsal Cortegada, nun acto de recoñecemento á extraordinaria tempada realizada polo conxunto ourensán, culminada co histórico ascenso á Primeira División do fútbol sala feminino.
Durante a recepción, César Fernández puxo en valor o traballo, o compromiso e o espírito de superación demostrados polo club ao longo de toda a campaña, destacando que este éxito transcende o ámbito deportivo e convértese nun motivo de orgullo para toda a provincia.
“Que a ambición non vos pare. É un orgullo para a provincia o voso merecido éxito deportivo”, trasladou o vicepresidente ás xogadoras, ás que animou a afrontar esta nova etapa coa mesma ilusión e capacidade de sacrificio que as levou a conquistar o ascenso.
O responsable provincial de Deportes subliñou tamén o exemplo que representa o Estrela Futsal Cortegada para o deporte feminino e para as novas xeracións, ao demostrar que o talento, o esforzo colectivo e a perseveranza permiten alcanzar metas que parecían moi difíciles.
A recepción serviu tamén para felicitar ao club por unha campaña para a historia, na que, ademais do ascenso á máxima categoría nacional, celebrou o seu décimo aniversario consolidándose como un dos proxectos deportivos de referencia do fútbol sala feminino galego.
A Deputación de Ourense reafirma deste xeito o seu compromiso co deporte provincial e co apoio aos clubs que, como o Estrela Futsal Cortegada, levan o nome da provincia por toda España grazas ao seu traballo, aos seus valores e aos seus éxitos deportivos.

