A Deputación reparte 35.000 gafas e 45.000 dípticos para preparar á veciñanza ante a eclipse solar

Redacción

– Carmela López anunciou que a institución provincial distribúe desde este mércores material por toda a provincia tendo en conta o número de habitantes de cada concello. O obxectivo é concienciar á cidadanía sobre este fenómeno astronómico que terá lugar o 12 de agosto

– No marco desta campaña divulgativa, tamén se inclúen charlas gratuítas en dez municipios que impartirá a doutora en astrofísica Lucía González. As dúas primeiras terán lugar o 29 de xuño en Foz e Viveiro

A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, vén de anunciar este mércores que a institución provincial comezou a enviar material divulgativo e de protección por toda a provincia, co obxectivo de preparar aos veciños e veciñas de cara á eclipse solar que acontecerá o 12 de agosto. O reparto, no que se distribúen 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos, realízase a través dos concellos tendo en conta o número de habitantes de cada municipio.

Os recursos que se están a distribuír inclúe información sobre o inicio e o desenvolvemento da eclipse; os horarios previstos; os mellores puntos de observación; e recomendacións sanitarias para evitar danos na vista. Ademais, tamén se incorpora un código QR que dá acceso á páxina web https://eclipse.deputacionlugo.org/, posta en marcha pola institución provincial, e na que se ofrecen todos os detalles do fenómeno, así como contidos e recursos divulgativos para a cidadanía.

Carmela López recordou que “este fenómeno astronómico poderá verse desde a península ibérica tras máis de cen anos. Concretamente, a provincia de Lugo será un dos lugares máis privilexiados do mundo para observalo, xa que practicamente poderá contemplarse desde a totalidade dos concellos”.

10 xornadas divulgativas e gratuítas

A mandataria provincial avanzou que a Deputación de Lugo puxo en marcha unha campaña de divulgación sobre a eclipse, que xa se iniciou o pasado 4 de maio cunha conferencia inaugural da doutora en Astrofísica Lucía González Cuesta no Pazo de San Marcos. Esta primeira charla deu comezo a un programa máis amplo de actividades que “completamos con este reparto e outras dez conferencias informativas e gratuítas que se realizarán polo territorio lucense da man de Lucía González”. Nese sentido, detallou que a asistencia é libre ata completar aforo e que os veciños e veciñas que asistan poderán coñecer con máis detalles información e ferramentas que lles permitan gozar deste fenómeno de forma segura. A programación é a seguinte:

29 de xuño

– Concello de Foz – 11:30 horas no edificio CENIMA con capacidade para 70 persoas.

– Concello de Viveiro – 19:30 horas na Sala Multiusos do municipio. O aforo é de 80 persoas.

30 de xuño

– Concello de Vilalba – 11:00 horas na Casa da Cultura con entrada para 67 persoas.

– Concello de Meira – 19:00 horas na Casa da Cultura. O número máximo de asistentes é de 170 persoas.

1 de xullo

– Concello da Fonsagrada – 11:00 horas no Salón de Actos municipal de Os Chaos. O aforo é de 160 persoas.

– Concello de Cervantes – 19:00 horas no Salón Multiusos Casa da Catoira con capacidade para 60 persoas.

2 de xullo

– Concello de Antas de Ulla – 12:00 horas na Casa da Cultura. O aforo é de 200 persoas.

– Concello de Monforte de Lemos – 20:15 horas na Casa da Cultura Lois Pereiro. O número máximo de asistentes será 158.

3 de xullo

– Concello de Quiroga – 11:00 horas na Casa da Cultura. O aforo é de 159 persoas.

– Concello de Sarria – 19:30 horas na Casa da Cultura. O aforo é de 126 persoas.

Comparte este artigo