HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación retoma esta fin de semana as actividades do programa +Bosques...

A Deputación retoma esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos pola Ruta da Pedra e da Auga, a Illa de Tambo e o Pazo de Lourizán

- Anuncio -spot_img

Este programa provincial ten por obxectivo promover o contacto directo coa natureza e gozar das vantaxes dos “baños de bosque”. As actividades programadas para este mes de outubro teñen todas as prazas esgotadas

A Deputación de Pontevedra retoma esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 18 de outubro o programa percorrerá a Ruta da Pedra e da Auga, en Meis, mentres que o domingo 19 chegará á Illa de Tambo, en Poio, e ao Pazo de Lourizán, en Pontevedra. Todas as prazas para participar nas rutas de outubro están completas, esgotándose en cuestión dunha hora trala apertura da inscrición.

A Ruta da Pedra e da Auga presenta máis de 30 muíños ás beiras do río Armenteira, con exemplares vexetais de ribeira ao seu paso por un sendeiro que percorre os concellos de Meis e Ribadumia. Pola súa banda, a illa de Tambo é un lugar idóneo para atopar elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a Praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue. Por último, o Pazo de Lourizán destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa. A finca, situada nunha ladeira aberta á Ría de Pontevedra fronte á illa de Tambo e Combarro, presenta outros elementos de interese como o pazo, o hórreo, a eira, o invernadoiro, o parque das rías, a cova dos espellos e os xardíns construídos por Montero Ríos entre finais do século XIX e principios do XX.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia. O programa +Bosques pecharase a vindeira fin de semana con percorridos por Cabo Udra o 25 de outubro, e tamén polo Carreirón o 26 de outubro.

Publicacións Relacionadas