HomeDeputaciónsDeputación PontevedraA Deputación leva este martes o ciclo +Escénicas a Tui cunha obra...

A Deputación leva este martes o ciclo +Escénicas a Tui cunha obra de teatro para público familiar sobre o amor pola literatura e lingua galega

- Anuncio -spot_img

O espectáculo “A Libraría Máxica” representarase a cargo da compañía Inventi Teatro no Teatro municipal ás 11:00 horas

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este martes 7 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Tui da man dunha obra de teatro sobre o amor pola literatura e lingua galega a cargo da compañía Inventi Teatro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“A Libraría Máxica” representarase no Teatro municipal a partir das 11:00 horas e está pensada para público familiar. Esta divertida peza teatral rende homenaxe ao pequeno comercio, as tendas de barrio, e achega a nenos e nenas o amor pola literatura e a lingua galega. Dous simpáticos libreiros interpretados por Bea Campos e Marcos Alonso ofreceranlle aos espectadores de Tui o libro perfecto, xa que teñen a gran capacidade de atopar o conto necesario para cada persoa e ocasión.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas