– Ante a negativa dos grupos municipais do PP e do BNG para aprobar o orzamento xeral municipal de 22,6 millóns, a alcaldesa presentou unha moción de confianza vinculada ás contas. O debate será nun pleno extraordinario o vindeiro luns, 5 de maio, ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira.
– Digna Rivas advirte que as contas municipais son necesarias “para seguir avanzando, poñer en marcha proxectos de futuro como o litoral de Cesantes e dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, con servizos como a Axuda no Fogar”.
– O goberno local lamenta que a oposición rexeitara as contas sen propoñer alternativas, xa que tanto PP como BNG coñecían o documento con semanas de antelación “e non fixeron ningunha proposta para melloralo”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, logo de que a oposición rexeitase apoiar o orzamento municipal no pleno deste mes, presentou unha cuestión de confianza vinculada ás contas. A rexedora entende que estas contas, que ascenden a 22.655.106 euros, “son as mellores para os veciños e veciñas de Redondela”. O pleno extraordinario no que debaterá a cuestión de confianza celebrarase o luns, 5 de maio, ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira.
Rivas advirte que non ten “ningún apego ao cargo” e que se debe unicamente á cidadanía deste municipio “que foi a que me escolleu democraticamente como alcaldesa”. Os orzamentos que presenta o Concello para este 2025 son os máis altos da historia de Redondela, cun incremento de case 2,5 millóns con respecto ao anterior. “É un orzamento para as persoas, con case 3 millóns destinados ás Políticas Sociais cun incremento de 300.000 euros na Axuda no Fogar”, explica Rivas. Os orzamentos son necesarios para dar continuidade a actividades con moito éxito como as de envellecemento activo nas parroquias, e para poñer en marcha novas prestacións como a Tarxeta Social, que canalizará axudas a persoas e familias en situación de risco. O orzamento, rexeitado polos grupos municipais do PP e o BNG, duplica a partida para os comedores escolares e mantén o servizo de transporte aos institutos para alumnado de Bacharelato que non ten autobús escolar da Xunta. Respondendo ás demandas dos colectivos parroquiais, a contía dos orzamentos participativos sobe dos 180.000 aos 260.000 euros, e tamén as inversións en saneamento, cun 60% máis de gasto.
O goberno local lamenta que a oposición rexeite as contas sen propoñer alternativas, xa que tanto PP como BNG coñecían o documento con semanas de antelación “e non fixeron ningunha proposta para melloralo”. A alcaldesa sinala que o que busca a oposición con esta negativa “é afogar a este goberno, e o único que fan é prexudicar á cidadanía de Redondela”. “Este orzamento é necesario para seguir avanzando, poñer en marcha proxectos de futuro como o litoral de Cesantes e dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas”, afirma Rivas. A rexedora afirma que o goberno local vai seguir traballando “con máis forza ca nunca e sen perder un minuto”. Rivas confía no seu proxecto: “Vou esgotar o mandato, traballando por e para Redondela como fixen sempre”, conclúe a alcaldesa.