A Deputación segue a evolución da candidatura da Ribeira Sacra de cara á decisión final da UNESCO 

Redacción

– O Deputado de Promoción Económica e Social participou este martes no Hotel Áurea Palacio de Sober nun encontro no que se presentaron os últimos pasos a seguir con vistas á reunión do 48º Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO, prevista para finais de xullo en Corea do Sur

– Nesta cita tamén se avaliou o informe realizado polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios do Icomos e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza – UICN con respecto a esta proposta

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes no Hotel Áurea Palacio de Sober nunha reunión de traballo para analizar os avances da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial e coordinar a folla de ruta de cara á decisión que adoptará a UNESCO na reunión do seu 48º Comité do Patrimonio Mundial, prevista entre os días 19 e 29 de xullo en Busán (Corea do Sur).

No encontro participaron tamén o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a Subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López Rodríguez, representantes do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e do Clúster de Turismo de Galicia; así como alcaldes e outras autoridades da comarca.

Nesta xuntanza presentouse o resultado do informe -técnico e non vinculante-elaborado polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos) e pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), organismos asesores da UNESCO no proceso de avaliación da candidatura. Os documentos destacan cuestións como o estado de conservación e protección dun territorio que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense, así como as iniciativas vinculadas ao turismo sostible e á calidade paisaxística da contorna. Así mesmo, expuxéronse os próximos pasos que se van realizar vinculados á xestión institucional de cara á decisión final do Comité de Patrimonio Mundial, formado por 21 países.

Pablo Rivera subliñou o compromiso da Deputación de Lugo con esta candidatura, lembrando que a institución provincial apoiou esta iniciativa desde os seus inicios. “Xa no ano 2011, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, a Deputación impulsou unha ampla campaña de mobilización institucional e social que permitiu reunir máis de 40.000 sinaturas en apoio da declaración”, recordou.

O deputado destacou ademais que a institución provincial mantén un seguimento constante de todo o proceso, participando nos distintos encontros de coordinación e colaborando de maneira permanente co resto das administracións e entidades implicadas para contribuír a acadar o recoñecemento internacional da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

Comparte este artigo