O vicepresidente Rafa Domínguez anunciou que se está a ultimar a compra da Casa das Misións para convertela en entrada ao recinto e que convocará ao Concello para traballar “deste a lealdade institucional polo ben do proxecto e de todos os pontevedreses”
“Santa Clara avanza de forma contundente, progresa moi adecuadamente para que no centenario do Museo de Pontevedra, no 2027, sexa unha realidade”, afirmou o vicepresidente provincial esta mañá nunha rolda de prensa convocada para informar que a empresa Nieto Sobejano será a encargada de executar o proxecto de reforma. Ademais desta cuestión, Rafa Domínguez tamén anunciou que, tras reunións co arcebispado de Santiago, estase a preparar xa a documentación para a compra da Casa das Misións co obxecto de convertela na entrada a Santa Clara e que proximamente convocará ao Concello de Pontevedra para traballar “todos na mesma dirección, da man, e desde a lealdade institucional, polo ben do proxecto e de todos os pontevedreses”.
Na Xunta de Goberno do próximo venres, tal e como explicou o vicepresidente, aprobarase a adxudicación do contrato do servizo de redacción do proxecto e dirección de obra para a rehabilitación arquitectónica e ampliación do recinto conventual de Santa Clara para uso destinado a Museo de Pontevedra á empresa Nieto Sobejano por valor de 1.742.400 €. A adxudicación do contrato tivo lugar en practicamente un mes, xa que o expediente aprobouse o 30 de xaneiro, “grazas ao traballo ímprobo e á implicación do persoal funcionario da Deputación e á seriedade, capacidade de adaptación e profesionalidade da empresa”. Entre medias, tivo lugar un proceso de negociación no que se valorou tanto a oferta inicial como aspectos económicos, arquitectónicos e técnicos e que concluíu o 16 de febreiro cun acordo entre Nieto Sobejano e a Deputación de Pontevedra valorado positivamente polo servizo de Arquitectura e que culminará, este venres, coa adxudicación do contrato.
As fases
A formalización do contrato terá lugar unha vez transcorridos 15 días hábiles desde a notificación da súa adxudicación. Unha vez formalizado executarase en catro fases, sendo a primeira a de entrega do proxecto básico nun prazo de dous meses desde o inicio do contrato. Posteriormente, na segunda fase, terá lugar a entrega do proxecto de execución, para o que a empresa terá catro meses desde o informe favorable do proxecto básico.
A terceira fase correspóndese co inicio das obras e a cuarta coa liquidación do contrato unha vez estas rematen. Neste eido, o vicepresidente provincial avanzou que “se Patrimonio resolve rápido e o Concello de Pontevedra outorga a licencia de obras no menor prazo posible, poderían comezar as obras a finais do 2024 ou comezos do 2025. Estamos traballando sen descanso para que así sexa e para poder abrir, canto antes, o recinto para todos os pontevedreses”.

