– A Presidenta da institución provincial, Carmela López, explica que este é o primeiro paso para procurar unha solución responsable á situación do club, coñecer con exactitude a súa realidade económica e determinar se existe unha saída viable que garanta a continuidade do proxecto deportivo e social mariñán
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, sostén que, ante a petición de apoio trasladada polo Burela FS debido á grave situación económica que atravesa o club, a institución provincial debe avaliar previamente se existe unha saída viable para a entidade antes de adoptar unha decisión.
Con este obxectivo, a Deputación solicitaralle ao Burela FS a documentación económica, financeira e organizativa necesaria para que os servizos técnicos provinciais poidan analizar a situación real do club e determinar a súa viabilidade. A decisión prodúcese despois de que a entidade trasladase formalmente á institución provincial as dificultades económicas polas que atravesa e reclamase apoio institucional para afrontar este momento crítico.
“A nosa vontade é axudar, pero antes de adoptar calquera decisión que implique recursos públicos necesitamos coñecer con exactitude a realidade económica do club e saber se existe unha saída viable”, explica Carmela López. A Presidenta, que tamén é Alcaldesa de Burela, subliñou que, ante unha situación destas características, a Deputación “ten a obriga de actuar con responsabilidade, prudencia e rigor”.
“Cando unha entidade cunha relevancia deportiva, social e simbólica como o Burela FS comunica unha situación límite, a Deputación non pode mirar cara outro lado. Pero temos que contrastar os datos para saber cal é a situación real, que necesidades existen e se unha posible axuda pública serviría para garantir a continuidade do club”, afirmou.
O estudo técnico permitirá analizar cuestións como as débedas existentes, os compromisos pendentes, os ingresos previstos, a estrutura de gasto, as necesidades económicas inmediatas e as medidas que serían necesarias para estabilizar a entidade.
López incidiu en que a cuestión de fondo “non é só canto solicita o club”, senón determinar se unha achega pública, independentemente da súa contía, “permitiría realmente salvar o proxecto deportivo e social”.
“Estamos falando dun club cunha relevancia deportiva e social indiscutible para Burela, para A Mariña e para a provincia. A nosa responsabilidade é estudar ben a situación e procurar que calquera posible colaboración pública sexa útil, proporcionada e orientada á continuidade da entidade”, sinala.
As conclusións desta análise serán trasladadas tamén á Xunta de Galicia e ao Concello de Burela, administracións que colaboran historicamente coa entidade, co obxectivo de que calquera decisión futura poida adoptarse con información compartida e desde criterios de responsabilidade institucional.
Carmela López insiste en que este paso debe entenderse como “un primeiro movemento para procurar unha solución responsable” á situación do Burela FS. “Queremos axudar, pero queremos axudar ben. E axudar ben significa saber primeiro se hai viabilidade, que medidas son necesarias e que papel pode xogar cada administración”, conclúe.

