A mostra, que pode visitarse ata o próximo venres 31 de outubro, recolle 11 traballos de nove mozas e mozos da provincia que foron recoñecidos nos Premios Provinciais á Xuventude convocados entre os anos 2021 e 2024
A Deputación ultima os días para visitar no Pazo provincial a exposición de banda deseñada que recolle todos os traballos gañadores nesta categoría dos Premios Provinciais á Xuventude entre os anos 2021 e 2024. A mostra, composta por 11 traballos de nove mozas e mozos da provincia, pódese visitar en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas de luns a venres na entrada do Pazo provincial ata o 31 de outubro.
Trátase dunha mostra para celebrar o talento xuvenil da provincia de Pontevedra en banda deseñada, a categoría dos Premios Provinciais á Xuventude que máis medrou neste 2025, cun 100% máis de traballos presentados que con respecto ao pasado ano. Ao detalle, as bandas deseñadas expostas versan sobre a soidade, a superación persoal, a memoria dos maiores ou a igualdade, ademais de narrar historias de terror e incluír xogos narrativos con diversas liñas temporais que se poden ler de forma simultánea ou illada.
No Pazo provincial da Deputación pódense ver os traballos “Sós” e “E Marcos puxo o seu suadoiro vermello”, de Ánxel Carramal Fernández; “Un día ajetreado” e “¿Cómo he llegado hasta aquí?”, de Sabela Domínguez Costa; “Onde estás?”, de Lucía Rodríguez Cid; “Pereza”, de Icíar Paz Alonso; “O mergulllo dunha vida”, de Manuel Alejandro Vázquez Búa; “¡Ey! Que hoy vamos a montar a caballo”, de Andrés Chinchilla Argibay; “Vivir para volver”, de Denis Carballas Riveiro; “Liberación”, de Eva Pena Fandiño; e “A miña veciña”, de Enrique Rabadán Torres, elaboradas con técnicas como lapis queimado, acuarela e técnicas dixitais.



