A Presidenta amósalle á Reitora o espazo de investigación aberto coa USC na Granxa Gayoso Castro

Redacción
Lectura mínima de 4
  • A mandataria provincial e o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento recibiron no Pazo de San Marcos á máxima responsable desta entidade educativa coa que abordaron os proxectos conxuntos vencellados á formación
  • Carmela López recordou que a Deputación de Lugo é a administración local que realiza a maior achega económica á universidade en todo o Estado, “e facémolo desde unha idea moi clara: investir en coñecemento é investir en futuro
  • Pola súa banda, Rosa Crujeiras recoñeceu que a Deputación “é unha administración coa que camiñamos da man”, ao tempo que recoñeceu que este campus supuxo un cambio importante para o desenvolvemento social e económico da provincia
    A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, recibiron este martes no Pazo de San Marcos á nova Reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras Casais, que, recentemente, vén de tomar posesión neste cargo. Neste primeiro encontro institucional, no que tamén participou o Vicerreitor do Campus de Lugo, Roberto Bande Ramudo, Carmela López fíxolles entrega do libro Proxectos para o Hospital de Isabel II, o Instituto de 2º ensinanza e a Deputación Provincial de Lugo e unha redeira de Sargadelos.
    Posteriormente, mantiveron unha reunión privada e a Reitora asinou no Libro de Ouro da institución provincial. A continuación, coñeceron as instalacións do Pazo de San Marcos e remataron a visita na Granxa Gayoso Castro, onde puideron comprobar de primeira man o seu potencial como espazo de referencia para a formación práctica, a investigación aplicada e o desenvolvemento de proxectos conxuntos entre ambas institucións.
    Carmela López avanzou que “hoxe visualizamos tamén algo importante: dúas mulleres á fronte de dúas institucións clave, avanzando na ruptura de teitos de cristal e demostrando que a igualdade e a sororidade tamén constrúen liderados sólidos e comprometidos co público”.
    Recordou tamén que a Deputación de Lugo é a administración local que realiza a maior achega económica á universidade en todo o Estado, “e facémolo desde unha idea moi clara: investir en coñecemento é investir en futuro. Ese apoio concrétase en feitos: no reforzo dos centros e institutos de investigación, na mellora e mantemento das infraestruturas, na promoción da divulgación científica e no impulso á formación práctica e ás titulacións que se imparten neste campus”.
    A Presidenta definiu o “campus de especialización, cunha gran calidade docente e cun papel estratéxico para Lugo e para Galicia, especialmente pola súa ligazón co sector primario e coa modernización do noso rural”. Nesta liña, destacou especialmente a Granxa Gayoso Castro “un exemplo moi claro do valor desta colaboración. É un auténtico labor vivo, onde o alumnado pode traballar en condicións reais. É un espazo do que podemos sentirnos fondamente orgullosos como provincia”.

Pola súa banda, Rosa Crujeiras sinalou que “para a Deputación é unha administración coa que camiñamos da man”, ao tempo que recoñeceu que este campus supuxo un cambio importante para o desenvolvemento da provincia. “Adquirimos o compromiso de intensificar a presenza na provincia e abrirnos máis ao tecido produtivo e en nós a Deputación vai atopar unha aliada”. “Temos dúas novas vicerreitoría no Campus de Lugo, o que é un xesto, e ademais vamos tratar a que esta colaboración coa Deputación se potencie e buscaremos novos proxectos nos que colaborar”, afirmou.

Comparte este artigo