– Carmela López destacou que “na Deputación levamos máis de dúas décadas apostando por esta escola porque cremos na formación pública, gratuíta e de calidade” e avanzou que a institución provincial manterá para o curso que ven a gratuidade da matrícula
-“Estou convencida de que moitos dos nomes desta promoción volveremos escoitalos no futuro, en rodaxes, festivais ou nos Premios Mestre Mateo”, subliñou a mandataria provincial nunha gala realizada e producida polos alumnos de primeiro
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, clausurou este martes o curso 2025-2026 do Centro de Formación Audiovisual nunha gala na que se fixo entrega dos diplomas ao alumnado da 22ª promoción do ciclo de Produción e Realización Audiovisual. A gala, á que asistiron familiares e amizades, estivo inspirada nos programas de televisión dos anos 90 e 2000 e foi organizada integramente polo alumnado de primeiro curso como parte da súa formación práctica.
“Estou convencida de que moitos dos nomes desta promoción volveremos escoitalos no futuro, en rodaxes, festivais ou mesmo nos Premios Mestre Mateo”, subliñou durante o acto a mandataria provincial, que felicitou á vintena de persoas graduadas polo esforzo e a dedicación amosados ao longo dos dous anos de formación, estendendo tamén o recoñecemento ás súas familias e ao profesorado que os acompañou.
Carmela López destacou na súa intervención que “para a Deputación de Lugo este centro é moito máis que unha escola. É un proxecto no que levamos máis de dúas décadas apostando porque cremos na formación pública, gratuíta e de calidade. Pero tamén porque cremos que o talento necesita oportunidades”.
Fixo fincapé a Presidenta en que, “nun contexto no que proliferan as pantallas e os contidos audiovisuais, segue a ser imprescindible o talento das persoas capaces de crear proxectos que emocionen, informen e deixen pegada”. E neste sentido, animou o alumnado a confiar nas súas capacidades e a manter unha actitude activa de aprendizaxe e creación, porque “os proxectos máis importantes ás veces nacen onde menos o esperamos. O fundamental é seguir avanzando, creando e aprendendo”.
Matrícula aberta para o próximo curso
O prazo de solicitude de matrícula para o curso 2026-2027 xa está aberto. As persoas
interesadas poden preinscribirse, ata o 3 de xullo, descargando o formulario na páxina web da Deputación ou recolléndoo no centro formativo. Unha vez cuberto, deberán presentalo, xunto co resto da documentación solicitada, directamente na sede en Lugo do Centro, na rúa Frei Plácido Rei Lemos.
Rematado o tempo de solicitude de admisión, o 7 de xullo publicaranse as listas provisionais de admitidos, agarda e excluídos. Do 8 ao 10 poderán presentarse as reclamacións, e o 14 de xullo sairán as listas definitivas. O prazo de matrícula ordinaria será do 15 ao 24 de xullo, e o 27 abrirase un prazo de matrícula extraordinaria ata completar todas as prazas.

