– Carmela López e Miguel Fernández supervisaron o inicio dos primeiros traballos que inclúen a inspección mediante videocámara da tubaxe de saneamiento para a súa renovación, así como o fresado e a posterior pavimentación do firme con aglomerado
-“Ao igual que fixemos coa Infanta Elena, damos un novo paso con Adolfo Suárez mellorando un dos principais accesos á capital lucense”, afirmou a Presidenta, quen defendeu que Lugo non pode ser a “irmá pequena” das provincias galegas
-Pola súa banda, o rexedor lucense destacou que grazas a colaboración de Concello e Deputación, “Lugo gaña unha nova imaxe nos seus accesos, e agora na conexión cos polígonos, o HULA, a Intermodal e a A-6”, e lamentou “a parálise” en proxectos da Xunta como a rúa Serra de Meira, pendente desde hai máis de dúas décadas
– Esta primeira intervención, entre a glorieta coa rúa Serra de Meira e Montero Ríos, forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe unha segunda fase para dotar a este acceso de beirarrúas e dun trazado máis adecuado, cun investimento total de máis de 800.000€
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, veñen de comprobar a pé de obra o arranque dos traballos de renovación da avenida Adolfo Suárez, que cualificaron como “un acceso esencial á cidade pola futura intermodal”.
“Trátase dunha actuación estratéxica que transformará a imaxe dun dos principais accesos pola Fervedoria coa capital lucense e reforzará as conexións coa Estación Intermodal dende a autovía A-6”, subliñou Carmela López, quen destacou que ao igual que xa se fixo coa Infanta Elena, “agora dáse un novo paso coa actuación vinculada a Adolfo Suárez”.
A mandataria provincial subliñou que Lugo non pode seguir sendo vista como a “irmá pequena” de Galicia. Neste sentido, remarcou a importancia de contar con accesos e conexións principais á altura dunha cidade como a capital das murallas, “fundamentais para o desenvolvemento e a cohesión territorial”.
A Presidenta quixo destacar o compromiso da Deputación cos veciños e veciñas de Lugo, facendo referencia a proxectos de relevancia na cidade e citou, por exemplo, “as obras de desdobramento da Avenida Infanta Elena, nas que a institución investiu 2,4M€; os traballos de mellora nun tramo da LU-P-2902, a vía que vai desde Lugo ata Ponte de Ombreiro con 210.000€; e as obras na Rúa Filarmónica que acaban de iniciarse esta mesma semana.
Pola súa banda, Miguel Fernández agradeceu á Presidenta o seu compromiso con Lugo, e destacou que grazas a colaboración entre o Concello e a Deputación, “Lugo gaña unha nova imaxe nas comunicacións dos seus principais accesos de entrada e saída á cidade”
“Hoxe é un día moi importante para os lucenses xa que a esta arteria non so facilita a mobilidade, senón que reforza a conexión cos polígonos industriais, o HULA, os barrios do Sagrado Corazón e As Gándaras, e que soporta unha elevada intensidade de tráfico cara á Intermodal e a A-6”. Subliñou ademais que esta intervención permitirá “eliminar un illamento histórico entre estas zonas e o centro urbano, favorecendo unha cidade máis integrada e accesible”.
Fernández Méndez destacou que se trata dunha actuación baseada na planificación e nos resultados, e criticou a falta de avances noutros proxectos clave da cidade, como a rúa Serra de Meira, competencia da Xunta de Galicia, “que permanece pendente de mellora desde hai máis de dúas décadas”.
O proxecto divídese en dúas fases e a primeira delas afectará ao treito que vai desde a glorieta coa rúa Serra de Meira e Montero Ríos ata fin de solo urbano, cun investimento de algo máis de 200.000€. Esta primeira parte do proxecto arrancou coa inspección mediante videocámara da tubaxe de saneamento existente baixo a calzada para a súa posible substitución. Posteriormente, realizaranse actuacións dirixidas á mellora do pavimento actual co fresado e a repavimentación con aglomerado en quente.
Carmela López incidiu en que este proxecto “abre outra gran transformación dos accesos a Lugo, seguindo o modelo de cidade no que traballou o Concello todos estes anos, para mellorar a calidade de vida dos lucenses e facer da capital lucense un lugar: máis verde e pensada para a veciñanza”.
“Esta intervención forma parte dun proxecto máis amplo que inclúe unha segunda fase, para dotar a este acceso, -o último que queda na mellora das entradas á cidade-, de beirarrúas e dun trazado máis adecuado”, rematou avanzando o Alcalde.

