As novas formas de violencia dixital a análise o luns en martes nunhas xornadas en Tui

Redacción

Contarase con persoas expertas, entre elas a maxistrada Belén Rubido

O próximo luns comeza a programación do 25N en Tui coas xornadas “A violencia que se esconde tras a pantalla. Violencias machistas na era dixital: redes sociais, intelixencia artificial e novas formas de violencia contra as mulleres e as nenas”. Celebraranse o luns 23 e o martes 24 de 18 a 20 h na Sala Félix Rodríguez, no edificio Francisco Sánchez, con entrada libre até completar o aforo.

Nestes dous días abordaranse as violencias machistas na era dixital desde as perspectivas tecnolóxica, socioeducativa, policial e xurídica, coa participación de distintas persoas expertas, entre as que está a maxistrada especializada en violencia de xénero, Belén Rubido. A iniciativa está aberta á cidadanía, con especial atención ás familias, ANPAS, comunidades educativas e profesionais que traballan coa infancia e a adolescencia.

O obxectivo é achegar información e ferramentas para identificar, comprender e previr as novas manifestacións da violencia machista no ámbito dixital, como o control a través do teléfono móbil, o acoso nas redes sociais, a difusión non consentida de imaxes íntimas, a sextorsión ou a creación de imaxes sexuais falsas mediante intelixencia artificial.

A primeira xornada, o luns 23 de novembro, abordará a relación entre tecnoloxía, adolescencia e prevención. Analizarase o papel dos algoritmos, as redes sociais e a intelixencia artificial na construción de referentes e na reprodución de estereotipos, discursos misóxinos e contidos que normalizan a desigualdade. Tamén se afondará nas relacións dixitais da adolescencia, o control, a violencia sexual dixital e as ferramentas que as familias poden utilizar para acompañar e protexer os seus fillos e fillas.

Así tras a inauguración institucional prevista ás intervirá Javier Martínez Torres, profesor da Universidade de Vigo e especialista en intelixencia artificial abordará o tema “Quen educa as nosas fillas e fillos en Internet? Algoritmos, intelixencia artificial e violencia contra as mulleres”.

A continuación, ás 19.05 h, Alexandra Lorenzo Cabreira e Alicia Román Rodríguez, cofundadoras e codirectoras de Arnela Educación ofrecerán unha charla titulada “Do control á violencia sexual dixital: comprender o que viven as nosas fillas e fillos nas redes”

O martes 24 de novembro as xornadas centrarán a atención na investigación das violencias dixitais, as súas consecuencias legais e a protección das vítimas. A sesión contará coa participación da maxistrada Belén Rubido, que impartirá a primeira conferencia da tarde. A xornada permitirá coñecer como se investigan as condutas violentas cometidas a través das tecnoloxías, as responsabilidades legais que poden derivarse da súa comisión, os dereitos das vítimas e os mecanismos de protección e denuncia existentes.

Co título “Detrás da pantalla hai unha vítima: como se investigan as violencias dixitais” ás 18 h intervirá o garda civil Jose Eugenio Torres Meira, da Unidade Orgánica de Policía Xudicial de Pontevedra. Unha hora despois será a quenda da maxistrada a Audiencia Provincial de Pontevedra Belén Rubido quen abordará “O que facemos en Internet ten consecuencias: delitos, responsabilidade e protección”.

As xornadas pretenden ofrecer unha visión rigorosa e práctica dunha realidade que afecta tanto ás mulleres adultas como ás adolescentes e ás nenas, e que require tamén novas ferramentas de acompañamento e prevención por parte das familias e da comunidade educativa.

A concelleira de igualdade Ana Núñez, explica que non se trata de afastar as nosas fillas e fillos do mundo dixital, senón de ensinarlles a vivir nel con liberdade, criterio, respecto e seguridade. Porque para protexer, primeiro temos que coñecer.

Comparte este artigo