A Deputación avanza na Axenda Urbana do Carballiño definindo o seu Plan de Acción adaptado á realidade da comarca

Redacción
Presentación dos resultados da diagnóse da Axenda Urbana na Comarca do Carballiño. Asisten Luis Menor Pérez (Presidente da Deputación Ourense), Elena Freijedo (Deputación Ourense), Elvira Torres (Concello do Carballiño), Patricia Torres Madureira (Concello de Boborás), Jose Luis Gonzáelz Rodríguez (Concello de PIñor), José Manuel Iglesias Araujo (Concello de Maside), Pilar Tizón (Concello de Cea), Rosa María Dalama Lousado (Concello do Irixo), Diana Sulleiro (Concello de Punxín) e Fernando Rodríguez Redondo (Concello de San Amaro).

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo hoxe na sala de xuntas do Pazo Provincial, unha reunión de traballo cos alcaldes, alcaldesas e persoal técnico dos nove concellos que integran esta área para analizar os detalles deste Plan

Tras pechar con éxito as fases de Diagnose e Marco Estratéxico, ábrese unha nova etapa para identificar liñas e proxectos “desde abaixo cara arriba” que permitan captar financiamento europeo, estatal e autonómico de maneira coordinada.

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidiu hoxe unha reunión de traballo coas alcaldesas, alcaldes e equipos técnicos dos nove municipios que conforman a Área Urbana Funcional (AUF) do Carballiño (Beariz, Boborás, Maside, O Irixo, Piñor, Punxín, San Amaro, San Cristovo de Cea e O Carballiño), para dar un novo paso no desenvolvemento da súa Axenda Urbana.

Durante o encontro, validáronse os resultados das fases de Diagnose e Marco Estratéxico, marcando o inicio da elaboración do Plan de Acción. Este documento servirá para traducir os obxectivos xerais en liñas de actuación concretas e realistas, adaptadas á realidade da comarca.

Na súa intervención, Luis Menor subliñou que o proxecto parte da convicción de que estes nove municipios “non funcionan territorialmente de maneira illada, senón que forman parte dun territorio conectado, con necesidades, retos e oportunidades comúns”. Segundo destacou o presidente provincial, esta Axenda Urbana debe ser ante todo “unha ferramenta útil para os municipios” que permita configurar unha carteira de proxectos priorizados e sólidos.

Menor puxo en valor a importancia de acudir de maneira coordinada ás convocatorias de fondos europeos, estatais e autonómicos, sinalando que o traballo en rede “reforza a capacidade dos concellos para captar recursos e impulsar investimentos que, doutro xeito, poderían resultar máis difíciles de abordar individualmente”, destacou o presidente provincial, facendo fincapé na importancia da cooperación institucional.

Unha diagnose participativa en tres dimensións

O peche da fase de diagnose e do Marco Estratéxico é froito da combinación de datos técnicos e dun amplo proceso participativo que incluíu nove reunións —unha en cada concello da AUF— con axentes sociais, representantes políticos e persoal técnico. Este traballo permitiu obter unha radiografía compartida do territorio estruturada en tres grandes eixos: dimensión territorial e ambiental, social e económica.

Protagonismo municipal no deseño do Plan de Acción

Coa validación desta diagnose, para seguir avanzando nesta cuestión, o proceso cambia, pasa da análise da realidade á identificación de solucións. Por elo, o presidente da Deputación fixo un chamamento á implicación directa dos rexedores e dos equipos técnicos locais durante as vindeiras semanas para construír o Plan de Acción.

O obxectivo é que cada concello propoña proxectos estratéxicos que poidan integrarse nunha visión comarcal conxunta, buscando sinerxías e complementariedades entre municipios para construír unha Área Urbana Funcional máis resiliente, sostible e adaptada ás demandas da cidadanía.

Comparte este artigo