As danzas e músicas de Serbia, Taiwán, Ecuador, Senegal, México e Armenia invadirán esta noite as rúas de Ourense

Redacción

O Parque de San Lázaro será, ás 22,30 horas, o punto de partida do tradicional desfile das agrupacións folclóricas participantes nestas Xornadas que chegarán á Praza Maior, ás 23 horas, para comezar o gran Festival

As Xornadas son un membro activo de pleno dereito da Confederación Internacional de Organizadores de Festivais Folclóricos, CIOFF-España, dependente da Unesco

O punto final ás XLI Xornadas de Folclore de Ourense será mañá no incomparable marco que ofrece o Auditorio do Castelo de Ribadavia, ás 23,00 horas

Na penúltima xornada, o folclore do mundo encherá de músicas e danzas as rúas ourensás. Ás 22,30 horas, as seis agrupacións artísticas iniciarán un vistoso e sonoro desfile ata a Praza Maior, onde os agardará un público ávido de poder gozar coa diversidade do folclore mundial.

O desfile estará encabezado polos ritmos do grupo de Senegal, seguido de Armenia, das danzas de Taiwán, dos traxes únicos de Ecuador, dos 35 membros da agrupación serbia e estará pechado polo folclore mexicano.

Unha vez feita a entrada na Praza Maior os grupos irán subindo ao escenario na seguinte orde: YiTzy Folk Dance Theatre de Taiwán, que fará un segundo pase despois de México, Sebastia Dance Ensemble – Taron Aesthetic Center de Armenia, Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua de México, que repetirá para pechar o Festival, Ballet Jammu de Senegal, Elenco Ñukanchik de Ecuador e o Folk Dance Group “Tucović” de Serbia.

Un ano máis, todos os participantes, uns 170 artistas, demostraron nas súas actuacións o gran nivel dos repertorios que levaron ata 16 escenarios diferentes, o que confirma que se trata de grupos cun destacado recoñecemento internacional polo seu interesante traballo.

A calidade organizativa das Xornadas é o motivo polo que este Festival é membro activo de pleno dereito do CIOFF-España (Confederación Internacional de Organizadores de Festivais Folclóricos, unha organización dependente da UNESCO) dende 1999, o que garante a presenza de grupos de recoñecido prestixio mundial.

Mañá, 19 de agosto:  Ribadavia

Tradición arquitectónica e tradición folclórica formarán mañá un conxunto único coas actuacións de cinco países das Xornadas de Folclore, xa que o grupo de Senegal non estará na cita por outro compromiso profesional. Será no Auditorio do Castelo de Ribadavia, ás 23,00 horas. Tódalas actuacións son gratuítas.

Comparte este artigo