Luis Menor pon en valor o liderado de Ourense na formación de mobilidade segura e sostible comprometéndose a seguir apoiando ao sector das autoescolas

Redacción

O presidente da Deputación, Luis Menor, participou hoxe na celebración do Patrón das Autoescolas, onde destacou o apoio do goberno provincial ao ciclo formativo exclusivo en Galicia nesta materia que garante a remuda xeracional e evita as listas de espera para obter o carné de conducir

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na celebración do Patrón das Autoescolas, unha xornada organizada pola Asociación Provincial de Autoescolas para poñer en valor e dar visibilidade ao traballo deste colectivo da educación vial, recoñecendo o seu labor en formación e seguridade.

Neste sentido, o presidente provincial destacou a estreita colaboración entre a Deputación e a asociación que permitiu impulsar a posta en marcha en Ourense do ciclo formativo de técnico superior en formación para a mobilidade segura e sostible. Esta oferta educativa, que se imparte de xeito exclusivo na provincia, conta con máis de medio cento de alumnos procedentes de toda Galicia e do noroeste peninsular.

Luis Menor subliñou o impacto directo desta iniciativa na calidade de vida e na economía local, asegurando que esta formación pioneira contribúe á a remuda xeracional no sector e facilita a apertura de novas autoescolas. Cabe destacar que a provincia ten unha situación diferente ao resto de territorios nesta materia, xa que “non existen listas de espera para sacar o carné de conducir como acontece noutros territorios”, sinalou o presidente provincial.

Finalmente, o presidente da Deputación lembrou a importancia das autoescolas para a vertebración do territorio, a autonomía da mocidade e a fixación de poboación no medio rural, e felicitou á asociación —que aglutina a case o 100% das empresas da provincia— polo seu modelo exemplar de colaboración público-privada.

Comparte este artigo