O presidente provincial reafirma o apoio da Deputación ás demandas empresariais e reclama ao Goberno central un impulso efectivo á infraestrutura ferroviaria
Na última asemblea de José Antonio Rodríguez Araújo como presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, Menor agradeceulle os seus oito anos de dedicación e destacou a ampliación do polígono impulsada pola Xunta
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou esta noitiña na Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, onde reivindicou a estación ferroviaria de mercadorías como “un proxecto de provincia, fundamental para aproveitar o noso potencial industrial e acompañar o seu crecemento”. O presidente provincial reafirmou o compromiso da institución coas demandas do tecido empresarial e reclamou ao Goberno de España “decisións, compromisos e prazos” para impulsar esta infraestrutura.
A asemblea ten un significado especial por ser a última que preside José Antonio Rodríguez Araújo, quen conclúe oito anos á fronte da asociación, tras dous mandatos. Luis Menor agradeceu a súa dedicación, capacidade de interlocución e firmeza na defensa dos intereses das empresas, facendo extensivo este recoñecemento á xunta directiva e ao equipo da entidade. Tras a celebración da asemblea activarase o proceso para elixir unha nova presidencia.
Na súa intervención, Menor sinalou que o compromiso da Deputación co territorio “pasa tamén por unha firme defensa da promoción económica da provincia”. Un labor que abrangue o apoio á internacionalización, á dixitalización e á sustentabilidade das empresas, así como a colaboración para crear máis solo empresarial, ampliar as áreas existentes e mellorar os seus servizos.
“O obxectivo é crear condicións para que as empresas aquí asentadas poidan medrar e para que novos investimentos atopen en Ourense un lugar onde establecerse e xerar emprego”, afirmou. Neste contexto, destacou que a provincia conta con máis de 2,7 millóns de metros cadrados de solo industrial en distintas fases de tramitación, urbanización ou execución, cun investimento global de 126,1 millóns de euros.
Máis solo empresarial e mellores conexións
O presidente provincial puxo en valor a ampliación do polígono de San Cibrao impulsada pola Xunta, que cualificou como unha resposta ás necesidades das empresas e unha aposta polo futuro industrial ourensán. Dispoñer de máis superficie, indicou, permitirá facilitar novas implantacións e atender a demanda de crecemento das compañías xa instaladas.
Menor subliñou que este desenvolvemento debe ir acompañado de mellores conexións, reiterando a necesidade da estación ferroviaria de mercadorías para reducir custos loxísticos, reforzar a competitividade e mellorar o acceso aos mercados de España e de Europa. Os seus beneficios, engadiu, estenderanse ás demais áreas industriais da contorna e ao conxunto do tecido produtivo provincial.
“Mentres a Xunta impulsa a ampliación do polígono, o Goberno central segue mirando para outro lado ante a demanda da estación de mercadorías”, afirmou Luis Menor, quen advertiu de que cada atraso nunha infraestrutura necesaria condiciona a capacidade das empresas para competir, investir e medrar. Por iso, reclamou ao Executivo estatal que “asuma a súa responsabilidade e dea un impulso efectivo a este proxecto”.
O presidente concluíu reafirmando que a Deputación seguirá ao carón das demandas empresariais e trasladou á futura presidencia da asociación a disposición da institución a manter unha colaboración próxima e constante. “O futuro industrial de San Cibrao é tamén o futuro de toda a provincia”, salientou.

