– A Presidenta da Deputación de Lugo participou este mércores no foro Ribeira Sacra: patrimonio con futuro organizado polos xornais El Progreso e La Región e patrocinado pola institución provincial no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil
– Neste encontro, que reuniu a representantes políticos e expertos vinculados con este territorio, a mandataria provincial subliñou que “aquí hai unha forma de vivir e de entender o territorio que conseguiu chegar ata hoxe sen perder autenticidade, aí reside a verdadeira grandeza da Ribeira Sacra”
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, participou este mércores no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, na apertura do foro Ribeira Sacra: patrimonio con futuro, organizado polos xornais El Progreso e La Región. Este encontro, que conta co patrocinio da institución provincial, reuniu a autoridades e expertos relacionados con este territorio para abordar cuestións vinculadas ao emprendemento, a natureza ou o produto local.
Carmela López subliñou que “estamos ás portas dunha decisión que pode marcar o futuro desta comarca. En poucas semanas a UNESCO avaliará a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade e estou convencido de que poucos territorios reúnen tantos valores culturais, paisaxísticos e humanos coma este”.
Enxalzou a Presidenta a riqueza paisaxística da zona destacando que “aquí hai unha forma de vivir e de entender o territorio que conseguiu chegar ata hoxe sen perder autenticidade, e aí reside, precisamente, a verdadeira grandeza da Ribeira Sacra”. Recalcou que “merece ser defendida, protexida e proxectada ao mundo como un dos grandes territorios culturais e paisaxísticos de Europa” e sinalou que a Deputación de Lugo sente un “orgullo especial por formar parte deste camiño porque esta institución foi unha das grandes abandeiradas da candidatura nun momento no que este recoñecemento parecía afastado”.
O foro acolleu ao longo desta mañá dúas mesas de debate. Na primeira delas, Emprender dende o territorio: turismo, paisaxe e experiencias con identidade na que participaron o representante do proxecto Erbedeiro-Aldea Sonora, Xabier Ferreiro, o promotor do Camiño do Monxe, Javier Rodríguez, e o representante da Adega Algueira, Fernando González. Posteriormente, tivo lugar o segundo debate Patrimonio vivo: natureza, memoria e produto local que contou coa presenza do historiador e impulsor do Museo de Arte Sacro de Castro Caldelas, Manoel Carrete, o doutor en investigación agraria e forestal, Gaspar Bernández, e o representante da queixería Dajosefa, José Miguel Vázquez.

