– A Presidenta da Deputación de Lugo participou no acto, celebrado en Barreiros, no que se deu a coñecer esta publicación posta en marcha pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, o Colectivo de Gastronomía da comarca e a institución provincial
– “Esta iniciativa encaixa moi ben nunha maneira de facer que desde a Deputación levamos tempo defendendo: apostar por un turismo de experiencias, ligado ao territorio e ao auténtico”, valorou a mandataria
A Presidenta da Deputación de Lugo e Alcaldesa de Burela, Carmela López, participou este luns no Hotel Rías Altas, de Barreiros, na presentación dun Receitario de cociña tradicional que recolle pratos populares e elaboracións propias da gastronomía mariñá. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense en colaboración co Colectivo de Gastronomía de Galicia e a Deputación de Lugo.
Carmela López destacou que “na Mariña temos unha despensa excepcional, feita dese equilibrio entre o mar e a terra, e dun saber facer que foi pasando de xeración en xeración, pero que non quedaba escrita de xeito concreto en ningunha publicación. Por iso, este Receitario básico da cociña tradicional da Mariña é unha iniciativa tan acertada”.
A mandataria provincial aproveitou a súa intervención para felicitar “a todas as persoas que fixeron posible esta publicación” e recordou tamén que a Deputación mantén unha estreita colaboración coa Mancomunidade para “apoiar iniciativas coma esta”. Nese sentido, destacou que “encaixa moi ben nunha maneira de facer que desde a institución provincial levamos tempo defendendo: apostar por un turismo de experiencias, ligado ao territorio e ao auténtico”.
O libro enmárcase dentro do proxecto da Mancomunidade Turismo Slow Norte de Galicia e o obxectivo é poñer en valor as materias primas e as diferentes elaboración vencelladas ao territorio, ao mesmo tempo que recolle o patrimonio culinario deste territorio. Así mesmo, repartiranse 400 exemplares desta publicación na que se inclúen receitas como: o bonito en escabeche realizada pola cociñeira Mar Orosa; fabas con ameixas por Javier Montero; ou a enfariñada con torreznos por Felisa Varela.
A este acto de presentación tamén asistiu a Presidenta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, Rocío López García, a Alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida Igrexas, e a Presidenta do Colectivo de Gastronomía da Mariña, Tita Iglesias, entre outras autoridades.

