O concello de Nigrán investirá 600.000 € na substitución do céspede dos campos de fútbol de Condomínguez e Vilariño

Redacción

A superficie de ambas instalacións municipais será renovada por un sistema de altas prestacións con certificación FIFA

A E.D.Val Miñor-Nigrán e o Racing Vilariño suman máis de 500 nenos e nenas en máis de 30 equipos federados

O Concello de Nigrán investirá 600.000 € na renovación do céspede artificial dos seus dous campos de fútbol: Condomínguez (sede da E.D.Val Miñor Nigrán, en Priegue) e Jorge Souto (sede do Racing Vilariño, en San Pedro). O primeiro deles executarase antes de que acabe o ano e ten un orzamento de 334.851 € dos que a Deputación de Pontevedra asume o 57% a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para localidades de menos de 50.000 habitantes; mentres que para o de Vilariño o Concello ven de consignar no plenor ordinario do 6 de outubro un total de 300.000 € do remanente de Tesourería.

O proxecto aprobado para o campo municipal de Condomínguez contempla a substitución do céspede artificial existente por un novo sistema de altas prestacións con certificación FIFA. Paralelamente, prevense traballos de reparación e regularización puntual das zonas que presenten irregularidades e inclúese a limpeza do sistema de drenaxe. Ademais, renovarase o sistema de rega. No caso do Campo Municipal Jorge Souto, o Concello ven de contratar o proxecto, que contemplaría exactamente o mesmo: substitución do céspede e reparación de todas aquelas irregularidades que se detecten no terreo.

“A última renovación destas superficies foi hai xa unha década e a súa vida útil xa se cumpríu, o desgaste é evidente e precísase cambialo”, sinala o alcalde, Juan González, quen indica que se trata de dous campos nos que a actividade deportiva é contínua. “A E.D.Val Miñor-Nigrán e o Racing Vilariño suman más de 500 nenos e nenas en máis de 30 equipos federados, son campos que están en uso tódolos días da semana cunha media diaria de 8 horas”, xustifica o alcalde, quen aproveita a ocasión para “agradecer a ambos clubes a súa labor de promoción do deporte entre a infancia e adolescencia do municipio e os valores que se lles transmiten”.

Comparte este artigo