- A preestrea do documental A Pontevedra de Antonio Palacios e a inauguración dunha exposición fotográfica reuniron lembranzas, recoñecementos e testemuñas dunha historia de orgullo e unión veciñal.
O Porriño viviu unha xornada cargada de emoción para conmemorar o 50 aniversario do traslado dos restos de Antonio Palacios á súa vila natal. A proxección en primicia do documental A Pontevedra de Antonio Palacios, dirixido por Aser Álvarez González, e a apertura dunha exposición fotográfica sobre aquel regreso celebrado o 30 de outubro de 1976 serviron para recuperar a memoria dun dos episodios máis significativos da historia recente do municipio e render homenaxe ás persoas que o fixeron posible.
O acto, organizado polo Concello do Porriño, converteuse nunha homenaxe non só ao arquitecto, senón tamén á sociedade civil que hai medio século se mobilizou para cumprir o seu desexo de descansar na súa terra, así como a quen preservou e transmitiu o seu legado ao longo das décadas.
Durante a súa intervención, Alejandro Lorenzo puxo o foco no significado colectivo daquela iniciativa que nacía no Círculo Recreativo Cultural e que definiu como un exemplo de orgullo, unión e identidade. Trinta anos despois do falecemento do arquitecto en Madrid, a revelación de Valentín Paz Andrade, amigo de Palacios, de que o seu desexo era descansar no Porriño, impulsou ese movemento veciñal que acabou facendo realidade esa vontade.
A directiva do Círculo Recreativo Cultural de entón, encabezada por Raúl Francés, tomou a iniciativa e, co apoio do goberno municipal daquel momento, presidido por Manuel Valverde, conseguiu que os restos do arquitecto regresasen á súa vila. Non puideron estar todos, algúns xa faltan, pero sí estiveron, daquela época, Modesto Girández, Antonio Valverde Pampillón, Francisco Quintas Forte, Julio Gómez.
O alcalde lembrou tamén a Eduardo Godoy e Luis Alonso, que viaxaron a Madrid para recollelos nun coche fúnebre cedido por Porfirio González Gradín. Na inauguración da exposición estiveron os seus fillos, Fernándo Godoy, Susana Alonso e Pili González.
Aquel 30 de outubro de 1976, os restos de Palacios foron recibidos cunha fonda homenaxe popular e trasladados a ombreiros polas rúas do Porriño. Canteiros, arquitectos, integrantes da directiva do CRC e numerosos veciños e veciñas participaron nunha despedida solemne e emotiva que deixou unha pegada imborrable na memoria colectiva.
O arquitecto repousa desde entón no cemiterio municipal baixo unha mole de granito procedente das canteiras de Vila Fría, coa sinxela inscrición que el mesmo desexara: Antonio Palacios – Arquitecto.
A celebración serviu tamén para agradecer publicamente o compromiso das persoas que contribuíron a facer posible o traslado. O Concello reuniu integrantes daquela directiva do Círculo Recreativo Cultural e persoas vinculadas a aquel episodio, nun encontro que permitiu compartir lembranzas e reivindicar o esforzo colectivo que fixo posible o regreso do arquitecto.
Tito Giráldez tomou a palabra para evocar aqueles momentos e achegar a súa memoria directa dunha iniciativa que transcendeu o ámbito institucional para converterse nunha mobilización de todo un pobo.
A exposición queda como testemuño gráfico daquela xornada histórica e como invitación a coñecer mellor unha parte fundamental da historia do Porriño. Con esta conmemoración, o Concello reafirma o seu compromiso coa conservación, o estudo e a difusión do legado de Antonio Palacios, unha figura esencial da arquitectura galega e un dos veciños máis universais da vila.
Preestrea e homenaxe a Moncho Iglesias
A xornada comezou coa preestrea do documental de Aser Álvarez, unha peza audiovisual que percorre a pegada arquitectónica e urbanística de Palacios na provincia de Pontevedra e recupera a súa figura a través de diferentes voces e testemuñas. A obra incorpora tamén unha homenaxe a Xosé Ramón Iglesias Veiga, Moncho Iglesias, doutor en Historia e figura fundamental no estudo e divulgación do arquitecto porriñés.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu o traballo do cineasta e destacou o valor da película para preservar e transmitir este patrimonio ás novas xeracións. Neste sentido, lembrou a importancia do labor desenvolvido por Moncho Iglesias, que dedicou boa parte da súa traxectoria a recuperar a historia do municipio e a afondar na figura de Palacios.
Como mostra de recoñecemento e afecto, o Concello entregou un ramo de flores á súa viúva, Marisa, nun dos momentos máis emotivos da xornada. O alcalde anunciou, ademais, a vontade municipal de perpetuar a memoria de Moncho Iglesias cunha praza co seu nome.
“Esto solo é o comezo”, asegurou Aser Álvarez, sobre a peza documental que recibiu o aplauso do público. “É só o primeiro paso dun traballo de divulgació que agardo que sexa moito máis amplo”.

