Os nacionalistas instan ao alcalde, Telmo Martín, a que reaccione canto antes e proceda a ordear os pertinentes traballos de fumigación e limpeza, para acabar con estes focos de insalubridade
O Bloque ten claro que esta situación é consecuencia do “abandono absoluto” ao que o Partido Popular ten sometido ás parroquias do rural, con problemas nos servizos básicos e falta de mantemento e limpeza dos contedores do lixo
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo advirte da presenza de ratas e alimañas en diferentes emprazamentos do municipio. Trátase de avistamentos que foron realizados por veciños e veciñas de distintas parroquias e dos que deron aviso ao grupo da oposición, que insta ao Goberno local a que tome medidas urxentes para poñer fin a este problema de salubridade.
Concretamente, as ratas foron vistas na estrada da Lanzada, en Portonovo, e tamén na parroquia de Padriñán, nas proximidades do cemiterio municipal, no lugar de Fontoira. Os nacionalistas inciden en que as alimñanas foron detectadas nas proximidades de varios contedores do lixo que se atopan en moi mal estado. “Máis alá da lamentable imaxe que ofrece o noso concello con situacións como estas, o verdadeiramente preocupante é poñer en risco a saúde dos nosos veciños e veciñas”, apuntan desde o Bloque, que esixen ao alcalde, Telmo Martín, a que tome medidas canto antes. “É preciso que se leven a cabo tarefas de fumigación canto antes, para que a presenza das ratas non aumente”, denuncian os nacionalistas, que teñen claro que o problema, en todo caso, vai máis alá. “Por desgraza, isto non é máis ca o reflexo do abandono ao que o alcalde e o Partido Popular someten á veciñanza das parroquias do rural do Sanxenxo”. Unha falta de interese á hora de dar resposta a necesidades básicas que, precisamente, é unha das queixas recurrentes nas reunións informativas que o BNG estivo a organizar no municipio ao longo das últimas semanas. No caso en concreto da falta de limpeza e de mantemento dos contedores do lixo, esta é unha demanda que o grupo nacionalista transmitiu en varias ocasións ao Goberno local, sen que o alcalde reaccionase. “Transmitimos esta inquedanza da xente do rural en varios Plenos, pero a falta de inacción do Partido Popular é absoluta.
Xa que non son quen de manter a calidade dos servizos básicos, polo menos agardamos que o alcalde si sexa quen de actuar acabar con estes focos de insalubridade”, conclúen os nacionalistas.

