O presidente da institución provincial, Luis Menor, felicitou aos deportistas por ese “podio ourensán” destacando o orgullo que “sentimos na provincia” de que “o ouro e a prata nacional falen galego e teña selo ourensán”
A Deputación incrementou neste mandato o orzamento que destina ás axudas a clubs dos 350.000 aos 550.000 euros e tamén as destinadas a deportistas individuais que pasou dos 30.000 euros aos 50.000 euros
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu hoxe no Pazo Provincial a Noel Piñeiro e a Thiago Paz, campión e subcampión de España na modalidade de K1 infantil A – 3000 m, respectivamente, que asistiron ao encontro acompañados polo presidente, vicepresidente e adestrador do Club de Piragüismo Ourense, Jorge Varela, Luis Manuel Iglesias e Raúl Feijóo; e polos pais de ambos, Raúl Piñeiro e Pablo Paz.
Durante o encontro, o presidente provincial felicitou a ambos deportistas por ese “podio ourensán” destacando o orgullo que “sentimos na provincia” de que o “ouro e a prata nacional falen galego e teñan selo ourensán”.
Así mesmo, Menor lembrou o compromiso do goberno provincial a prol do deporte na provincia para estar “á altura de deportistas inspiradores como Noel e Thiago que non só son o futuro da provincia, senón que xa teñen un presente brillante, froito do traballo, da disciplina e do compromiso”.
Por último, o presidente da Deputación destacou que o piragüismo é “o noso deporte por excelencia grazas á riqueza fluvial” e salientou que recibilos hoxe é celebrar que “Ourense segue a ser a gran canteira do piragüismo nacional”, asegurando que contar cos dous mellores padexeiros do país é “un fito histórico que demostra somos unha provincia imbatible sobre a auga”.
Incremento das axudas provinciais a clubs e deportistas individuais
Neste sentido cabe destacar o incremento realizado pola Deputación de Ourense ás axudas a clubs pasando dun orzamento de 350.000 euros a 550.000 euros, e nas axudas a deportistas individuais que se incrementou a partida de 30.000 ata os 50.000 euros.

