- A empresa asturiana Noega Ingenieros foi a adxudicataria do traballo para deseñar a nova infraestrutura no tramo vello da estrada provincial LU-P-3501
A empresa Noega Ingenieros SL traballa xa na redacción do proxecto para construír unha nova ponte sobre o río Navia, no tramo vello da estrada provincial LU-P-3501, que comunica Navia de Suarna con Paradela e o Alto do Restelo. Tras resultar elixida no proceso de contratación pública, o pasado 10 de novembro asinou coa Deputación a acta de inicio do contrato, a partir da cal ten oito meses para presentar o traballo.
Trátase dunha actuación que permitirá avanzar na recuperación da conexión viaria interrompida desde o pasado 27 de xaneiro, cando as fortes precipitacións provocaron o derrubamento da ponte de Aceña. A vía permanece cortada neste punto, aínda que a mobilidade na zona está garantida mediante un itinerario alternativo.
O contrato, que foi adxudicado a esta empresa na Xunta de Goberno do pasado 9 de outubro, formalizouse a semana seguinte e, esta semana, vense de asinar a acta de inicio. A redacción do proxecto require un importante traballo técnico previo, tanto para definir as características da nova estrutura como garantir a súa adecuación ás condicións do río e da contorna.
Estudos xeotécnicos e hidráulicos e autorizacións sectoriais
Neste sentido, os traballos organizaranse en tres fases. Na primeira realizarase o levantamento topográfico da zona, os ensaios xeotécnicos do terreo e a modelización hidráulica do Navia. Son uns estudos que permitirán determinar as condicións do ámbito e establecer as solucións técnicas máis axeitadas para a nova infraestrutura.
A adxudicataria elaborará e entregará o proxecto completo da ponte, no que quedarán definidas as características da construción, as solucións estruturais e os aspectos técnicos e económicos da futura intervención.
Finalmente, haberá unha terceira fase coa tramitación administrativa do documento. Será necesario obter as autorizacións sectoriais dos organismos competentes, entre eles a Confederación Hidrográfica do Cantábrico e os servizos de Conservación da Natureza, ademais de sometelo ao correspondente período de información pública e proceder á súa aprobación definitiva. Este proceso permitirá que a actuación poida saír posteriormente a licitación.
A falta de que o proxecto determine o orzamento definitivo da construción, os servizos técnicos da Deputación estiman que o custo da futura obra podería situarse arredor dos dous millóns de euros. A contía final dependerá das solucións técnicas que se definan a partir dos estudos e das características que deba reunir a nova ponte.

