O goberno local lamenta o “bloqueo” da administración autonómica: “Un informe que en calquera outra cidade de Galicia tería sido favorable con condicións, no caso de Ourense non o é”, asegura Francisco Lorenzo
A Xunta de Galicia emitiu un novo informe previo á aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense. O concelleiro de Urbanismo, Francisco Lorenzo, lamenta que “un informe que en calquera outra cidade de Galicia tería sido favorable con condicións, no caso de Ourense non o é, baseándose nos informes da Axencia Galega de Infraestruturas e Patrimonio Cultural”. Sinala tamén que “sorprende sobremaneira o caso deste último xa que foi consensuado en reunións previas entre os técnicos do Concello e da Xunta”, ás que asistiu o propio concelleiro, “e que a pesar do acordado non foron respectadas pola Xunta de Galicia”.
O Concello de Ourense estudará co equipo redactor o documento en detalle e analizará as opcións para continuar a tramitación do Plan. Porén, “de manterse este bloqueo por parte da Xunta de Galicia, a cidade de Ourense vese condenada a seguir cun plan xeral con 40 anos de antigüidade”, pon de manifesto Francisco Lorenzo.

