Luis López adianta que o vindeiro xoves 6 de febreiro o Pazo provincial da Deputación acollerá a presentación e anuncio dos finalistas dos Premios Mestre Mateo

adminON
Lectura mínima de 3

Por vez primeira os galardóns da Academia Galega do Audiovisual entregaranse no interior da provincia, en Lalín, grazas ao apoio da Deputación

“Despois dunha semana na que Pontevedra acolleu a entrega dos Premios Feroz e a dos Mulleres no Foco, imos agora cos Mestre Mateo que se entregarán o 15 de marzo nunha gala presentada por Susana Sampedro e David Machado”, asegurou o presidente

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, adiantou en conferencia de prensa que o vindeiro xoves, 6 de febreiro, o Pazo provincial acollerá a presentación e anuncio dos finalistas dos Premios Mestre Mateo. Por vez primeira, “a gran cita do audiovisual galego”, como a cualificou o presidente, organizada pola Academia Galega do Audiovisual terá lugar nun concello do interior da provincia, en Lalín, grazas ao apoio da Deputación.

“Despois dunha semana na que Pontevedra acolleu a entrega dos Premios Feroz e onte mesmo a gala de entrega dos Mulleres no Foco, imos agora cos Mestre Mateo”, asegurou o presidente quen detallou que “a festa do audiovisual galego” terá lugar o 15 de marzo en Lalín e contará con representantes tanto da Xunta de Galicia como do propio Concello de Lalín e da Deputación de Pontevedra. Ademais, López explicou que a 23 edición dos galardóns da Academía Galega do Audiovisual será presentada pola actriz Susana Sampedro e o sonidista David Machado.

A proposta da Deputación de levar os Mestre Mateo ao rural atopou na Academia e no Concello de Lalín aos mellores aliados. Unha iniciativa que responde a dúas apostas. A primeira é reafirmar o apoio da Deputación á cultura e ao audiovisual, como vén facendo con programas como o Rías Baixas Acción, o apoio á organización dos festivais audiovisuais, a colaboración con proxectos cinematográficos ou o esforzo para recuperar un emblema cultural como o Cine Fraga. E a segunda pasa por descentralizar os grandes eventos, algo no que Lalín é un bo exemplo ao acoller xa un partido da Selección Española de balonmán ou ser escenario do International Six Days Enduro, as coñecidas como as olimpíadas desta disciplina do motociclismo.

Comparte este artigo