O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, xunto coa deputada de Benestar Social, Sandra Bastos; adiantou a concesión dunha nova axuda nominativa da Deputación para o vindeiro ano 2025 por valor de 5.000 euros para a Asociación Libélulas, un colectivo que promove a práctica de dragon boat, unha modalidade de piragüismo, entre mulleres que están en preoceso de recuperación dun cancro de mama. Fíxoo durante unha visita ás integrantes deste colectivo que ten a súa base no peirao de Corbaceiras, en Pontevedra.
Esta entidade ten en marcha un programa de adestramento e fisioterapia para contribuír a mellorar o estado de saúde física e psicolóxica das súas integrantes. Unha iniciativa pola que o mandatario provincial, que saíu a remar coas deportistas, eloxiou o labor que realizan, deulle os parabéns a todas as integrantes pola súa determinación e os seus resultados nas competicións e puxo en valor a axuda que prestan ás mulleres que sofren esta enfermidade. “Sentímonos orgullosos do traballo que estades a realizar”, sinalou López.

