Trátase dun 10% máis que o aprobado polo anterior goberno da Deputación de Pontevedra
“O que pretendemos con esta iniciativa é apoiar a organización de festivais ou certames cinematográficos na provincia que dediquen especial atención á programación e difusión do cine en galego”, asegurou o presidente
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases para que entidades sen ánimo de lucro poidan desenvolver festivais audiovisuais na provincia ao longo do 2024. A través desta liña de subvencións, tal e como explicou o presidente Luis López, distribuiranse 165.000 euros, un 10% máis que o aprobado o pasado ano polo anterior goberno da institución provincial.
“O que pretendemos con esta iniciativa –detallou López- é apoiar a organización de festivais ou certames cinematográficos na provincia que dediquen especial atención á programación e difusión do cine en galego”. Deste xeito, para beneficiarse desta liña de axudas, os festivais deben levarse a cabo ao longo do ano, durar –como mínimo- 4 días e incluír – tamén como mínimo- 20 proxeccións, así como 5 sesións ou un 10% de títulos de produción ou dirección galegas.
A axuda concedida a cada entidade solicitante non poderá superar o 50% do orzamento presentado para levar a cabo festivais ou certames cinematográficos e, con estes recursos provinciais, poderanse subvencionar tanto o alugueiro de espazos e equipamentos para as proxeccións, como gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais e de dereitos de exhibición ou subtitulado de películas. O prazo para presentar solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

