O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez, percorreu o espazo que antes ocupaba o parque de maquinaria e Imprenta Provincial transformado agora nunha zona verde aberta ao público
O traslado da base de mantemento de estradas da Deputación ao polígono de Barro afronta a súa recta final e estará completado no mes de xuño
“Esta Deputación continúa traballando para Pontevedra desde a lealdade institucional”, sinalou o vicepresidente
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebrou este xoves a transformación dunha zona industrial nun novo pulmón verde para a cidade e a provincia de Pontevedra no acto de apertura ao público dos terreos da marisma de Alba que ocupaban o parque de maquinaria e a imprenta provincial da Deputación. “Traemos unha boa nova para toda a veciñanza de Pontevedra, un novo espazo natural precioso, nun lugar magnifico da cidade, para desfrutar a modo de esparexemento e actividade física”, afirmou o mandatario provincial.
Despois de percorrer xunto co vicepresidente provincial Rafa Domínguez unha parte deste novo espazo verde enclavado ás beiras dos ríos Rons e Lérez e cunha extensión de preto de 20.000 metros cadrados, o titular do goberno provincial explicou en que consistiron estes traballos de rexeneración das parcelas ubicadas ao carón do único humidal protexido do Concello de Pontevedra. Por un lado, as obras consistiron na demolición das dúas construcións da Deputación para implantar nestes terreos un sendeiro peonil e mobiliario urbano, iluminación axeitada á contorna natural e unha pradeira verde con especies arbóreas autóctonas como freixos, salgueiros ou carballos. De forma paralela, o goberno provincial promoveu o traslado do parque de maquinaria ao polígono industrial de Barro-Meis coa construción dunha nova nave que afronta a súa recta final e prevese que estea operativa no mes de xuño cando conclúa o acondicionamento do firme desta parcela.
Para completar este proxecto, A Deputación investiu un total de 4,5 millóns de euros, dos que 2,8 millóns destináronse á construción da nova base do parque de maquinaria en Barro, 1,3 millóns para os labores de demolición e rexeneración da parcela da xunqueira e outros 300.000 euros para renaturalizar o terreo que ocupaba a imprenta. “Unha mostra máis de que un dos grandes eixos da Deputación é a recuperación de espazos naturais e o compromiso co medio ambiente. E unha mostra máis de que desde a Deputación tamén se fai cidade de Pontevedra”, sinalou Luis López.
O froito da cooperación entre administracións
A apertura do novo parque da Gándara correspóndese co proxecto da Deputación de transformar a provincia desde o punto de vista da sustentabilidade e a posta en valor do medio natural. Un propósito no que é fundamental a colaboracións institucional. “Ir da man as administracións, o Concello, a Deputación e o Goberno. Este é o camiño. Vai no noso ADN a cooperación entre administracións para cumprir os obxectivos”, declarou o presidente, agradecendo o compromiso aos representantes do Concello e do Goberno presentes no acto.
Nun sentido similar pronunciouse o vicepresidente e responsable dos asuntos relacionados coa capital da provincia, Rafa Domínguez. “A colaboración entre a Deputación e o Concello redunda sempre no beneficio dos cidadáns de Pontevedra. Esta Deputación continúa traballando para Pontevedra desde a lealdade institucional”, remarcou Domínguez en referencia a un novo parque que “é un luxo e é marabilloso para a cidade”. Luis López celebrou que o remate destas obras significa dotar “dun novo pulmón verde á cidade e á provincia”, concluíu.

