O presidente provincial, xunto co vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos, entrega uns premios valorados en 15.000 € para recoñecer o labor das entidades de acción social que traballan na provincia
“Temos o privilexio de contar cun tecido asociativo eficaz, vocacional e emprendedor que leva ás persoas que máis o necesitan unha atención de primeira”, salienta López
A Asociación Española contra o Cancro, a Federación Down Galicia e Xosé Carlos González Blanco, da Asociación Xerome Emiliani, son os gañadores dos primeiros Premios Sociais impulsados pola Deputación. Un certame pensado para recoñecer o traballo das persoas, entidades e proxectos que destacan na provincia polo traballo realizado a favor dos dereitos da cidadanía e dos colectivos máis vulnerables que foron entregados esta tarde de martes no salón de plenos do Pazo provincial con motivo da conmemoración do Día Mundial do Traballo Social. “Hai veces nas que o servizo público non ten capacidade para atender as necesidades de toda a poboación, e é aí onde temos o privilexio de contar cun tecido asociativo eficaz, vocacional e emprendedor para levar ás persoas que máis o necesitan unha atención de primeira”, valorou o presidente da Deputación, Luis López, para pechar un acto no que tamén participou o vicepresidente Rafa Domínguez e a deputada de Benestar Social, Sandra Bastos.
A cerimonia de entrega dos primeiros Premios Sociais da Deputación comezou no Salón de plenos do Pazo provincial coa actuación de danza dos integrantes da Fundación Igual Arte. Conducida polo guionista e presentador, Óscar Cruz, a gala continuou co discurso de benvida de Sandra bastos, deputada responsable da área de Benestar Social no goberno provincial. “Queremos poñer en valor o inmenso esforzo que levades a cabo tanto profesionais como distintas entidades que dedicades o voso tempo, coñecemento e destrezas para mellorar a calidade de vida da xente”, explicou a deputada a principal razón da creación destes premios antes de entregar o primeiro galardón da tarde, que recaeu na Asociación Española contra o Cancro na categoría de “Entidade de iniciativa social pola súa traxectoria”. O vicepresidente Rafael Domínguez desvelou o gañador do premio ao mellor “Proxecto polo seu impacto social”, que foi para a Federación Down Galicia polo proxecto de seguimento do envellecemento das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual.
A Asociación Juan XXIII foi tamén protagonista da gala. Os seus usuarios foron os encargados de fabricar os galardóns entregados aos premiados. Un traballo rexistrado nunha peza audiovisual que se proxectou durante unha gala que rematou coa entrega do terceiro distintivo, que o entregou o presidente Luis López a Xosé Carlos González Blanco, coordinador da Asociación San Xerome Emiliani, por unha vida profesional dedicada ao ámbito social.
“Reiteramos os nosos parabéns tantos aos gañadores como aos nomeados e ao persoal da Fundación Juan XXIII polo deseño destes fermosos premios. Todos sodes merecedores deste recoñecemento e de cantos veñan no futuro”, afirmou o presidente ao remate da gala nun discurso no que tamén valorou o traballo do xurado. “A súa misión de seleccionar un gañador por categoría era unha misión moi complicada tendo en conta a traxectoria das persoas e entidades aspirantes, así como a transcendencia dos seus proxectos”, dixo o mandatario provincial sobre a concesión duns premios que repartiron 15.000 euros entre os gañadores das tres categorías.
Colaboración da Deputación coas entidades de Benestar Social
Salientou o presidente da Deputación a importancia de recoñecer o traballo realizado polas entidades sen ánimo de lucro do ámbito social, pero tamén fixo fincapé en que as palabras de agradecemento deben chegar acompañadas con medidas de apoio concreto. “As persoas que hoxe obtiveron o recoñecemento de levar estes primeiros Premios Sociais da Deputación de Pontevedra, así como os nomeados merecen o noso máximo agarimo, respecto e valoración. Pero este recoñecemento queda en papel mollado se non chega acompañado das ferramentas e recursos necesarios que faciliten e promovan a continuidade dos programas”, puntualizou López antes de enumerar as distintas medidas de apoio a estes colectivos que ten en marcha o goberno provincial.
A creación dos primeiros Premios Sociais da historia da Deputación, o incremento ata o medio millón de euros do orzamento da liña de axudas para entidades sen ánimo de lucro que realizan actuación no ámbito social, o lanzamento de programas e iniciativas coma +Inclusiva, +Convivencia, Provincia Activa, Lecer en Familia, +Benestar, ou os cursos de español para persoas estranxeiras; a aprobación de liñas de subvencións para axudar aos concellos a sufragar as súas políticas sociais ou os convenios de colaboración asinados con entidades sociais son algúns dos programas aos que fixo referencia Luis López. “Esta é a nosa achega, tan humilde como necesaria, para poder cruzar algún día esa ponte que nos leva cara unha sociedade máis xusta. Porque cando as Administracións Públicas e as entidades de benestar social xuntamos esforzos o resultados son uns mellores servizos e unha maior calidade de vida para a nosa veciñanza”, declarou o presidente provincial.
“Este xesto de agradecemento susténtase en varios porqués. O primeiro, porque as persoas e entidades que estades aquí dedicades o voso tempo, traballo e recursos a axudar a outras persoas, unha vocación altruísta que é digna de eloxio e admiración. O segundo, porque o voso labor serve para crear conciencia e dar exemplo do camiño que debe tomar calquera sociedade que aspire a ser inclusiva, igualitaria e xusta. E o terceiro e máis importante, porque neste caso sodes vós, as persoas e entidades do sector social, as que prestades un valiosísimo labor de asistencia ás Administracións e a toda a poboación”, concluíu o presidente Luis López o seu recoñecemento ás persoas e entidades que fan que “a provincia de Pontevedra sexa un lugar mellor”.