O presidente provincial, acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, asiste en Vilaboa á xornada de clausura dun dos entroidos máis recoñecidos de Galicia, O Entroido de Cobres, que conta cun apoio da Deputación valorado en 4.000 euros
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o Entroido de Cobres como un dos maiores bens culturais da provincia e un importante atractivo que contribúe a descentralizar e desestacionalizar o turismo nas Rías Baixas. Acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela, o mandatario provincial estivo esta tarde en Vilaboa para coñecer de preto as actividades dun entroido que está declarado como festa de interese turístico de Galicia e as figuras das madamas e os galáns, personaxes principais dunha das citas máis destacadas do carnaval da provincia e que conta cun apoio da Deputación valorado en 4.000 euros.
O Entroido de Cobres é un festexo tradicional que se celebra cada ano nas parroquias de Santo Adrián e Santa Cristina de Cobres. O seu valor reside tanto na súa antigüidade (malia que se descoñece con exactitude a súa cronoloxía) como na súa continuidade a través do tempo, así como por ser o único entroido tradicional en toda Galicia cuxas personaxes principais non levan ningún tipo de máscara. Estas, madamas e galáns, percorren as parroquias de Vilaboa coa cara descuberta lucindo a beleza e a ostentación dos seus sombreiros e os seus traxes, que poden chegar ata os catro (os deles) e os seis quilos (os delas).
O presidente provincial aproveitou esta visita para reafirmar o compromiso da Deputación cunha celebración que contribúe a consolidar ás Rías Baixas como un destino turístico ligado á cultura. Celebracións como o Entroido de Cobres fan que o número de visitantes á provincia nestes meses de inverno sigan medrando en comparación con anos anteriores e impulsando a economía dos concellos pequenos da provincia, o que demostra o acerto da campaña de promoción turística para este ano da Deputación, centrada en poñer en valor a riqueza e atractivos de cada un dos 61 concellos que forman a provincia de Pontevedra.