O presidente provincial, acompañado polo vicepresidente e a directora do Museo, Ángeles Tilve, visita a exposición dedicada á obra do artista nacido en Rianxo, que está aberta ao público de xeito gratuíto no edificio Castelao do Museo de Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez convidan a toda a cidadanía da provincia a achegarse este ano ao Museo de Pontevedra para descubrir, con motivo da conmemoración do ano Castelao, a colección máis ampla que existe sobre a obra do galeguista. A institución provincial alberga unha colección de 1.834 pezas relacionadas coa vida e obra do intelectual nacido en Rianxo, moitas delas están expostas en dúas salas do edificio do Museo de Pontevedra que leva o seu nome.
Os fondos do Museo de Pontevedra contan coa maior parte da obra producida por Castelao, incluídos numerosas obras orixinais asinadas polo galeguista. Todas as persoas que visiten a exposición poderán descubrir pezas de especial interese como as súas obras iniciais, datadas na primeira década do século pasado antes da súa chegada a Pontevedra, as súas coñecidas estampas, así como os orixinais dos albumes NÓS ou a súa produción no exilio.
Cada martes ás 18 horas, o Museo de Pontevedra organiza visitas guiadas gratuítas, con inscrición previa na páxina web do Museo, á exposición dedicada ao intelectual galeguista con motivo da conmemoración do Ano Castelao. Un percorrido que xa realizou o presidente Luis López, acompañado polo vicepresidente e responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, guiados pola directora do Museo, Ángeles Tilve. “O Museo de Pontevedra garda numerosos e valiosos tesouros, un dos máis interesantes é o relacionado con Castelao e paga a pena descubrilo”, sinala o dirixente provincial para convidar a toda a veciñanza a visitar a exposición.