O presidente provincial, acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, participa na entrega dos terceiros premios Emilia Pardo Bazán que organiza FARO e a Deputación
“O legado xornalístico, cultural e feminista de Emilia Pardo Bazán convive nos nosos días cunha naturalidade que estes premios axudan a aflorar”, sostén López
Luísa Sánchez lembra o vínculo entre Dona Emilia e Vigo: “Tantas cousas cambiaron desde que Dona Emilia a percorreu, aínda que outras seguen igual. Porque como ben dicía tempo atrás, Vigo segue a ofrecer a posta de sol máis fermosa”
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta o legado deixado por Emilia Pardo Bazán en materia de igualdade, cultura e turismo. Unha herdanza que figuras como a escritora Ledicia Costas, a empresaria Rosana canda ou equipo de baloncesto feminino do Celta Zorka, abrazan e impulsan co seu labor diario e polo que foron elixidas gañadoras dos terceiros premios Emilia pardo Bazán que entregan cada ano Faro e Deputación de Pontevedra.
“O legado xornalístico, cultural e feminista de Emilia Pardo Bazán convive nos nosos días cunha naturalidade que non sempre detectamos, e que estes premios axudan a aflorar. Sen dona Emilia, se cadra aínda hoxe estaríamos levantando bandeiras que ela abaneou hai século e medio”, reflexionou o mandatario provincial para pechar un acto no que tamén participou a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, así como as deputadas provinciais Nava Castro e Sandra Bastos.
Á hora de entregar un dos premios, a vicepresidenta Luisa Sánchez lembrou o forte vínculo de Dona Emilia, coa cidade de Vigo. “Esta provincia transmite todo o recoñecemento e aprecio lle profesa. A entrega dos Premios Emilia Pardo Bazán tiña que ser aquí, en Vigo. Cidade na que tantas cousas cambiaron desde que Dona Emilia a percorreu, aínda que outras seguen igual. Porque como ben tempo atrás, Vigo segue a ofrecer a posta de sol máis fermosa”, lembrou a dirixente viguesa recorrendo a unha cita da escritora sobre o solpor na baía de Vigo.
O titular do goberno provincial destacou a defensa da igualdade no deporte da que fai gala a diario o Celta Zorka, a capacidade de Rosana Castro para derrubar estereotipos e teitos de cristal para chegar a ser vicepresidenta da Asociación de Directores de Hotel de Galicia e referente no modelo de turismo que ofrecen as Rías Baixas; e a brillantez e firmeza coa que Ledicia Costas defende a cultura e a igualdade. “Encarnades o mellor do legado de Pardo Bazán e a ambición dunha provincia extraordinaria que non se detén”, rematou o presidente Luis López.