Luis Menor destaca o “Chronicon Auriensis” de Alberto Cacharrón como “un exercicio de memoria colectiva que nos axuda a comprender quen somos e de onde vimos”

Redacción

O presidente provincial participou na presentación desta publicación e da exposición parella no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que narra unha viaxe pola historia de Ourense desde a Prehistoria ata a Idade Media

O libro, ilustrado por Miguel Mosquera e editado por Teófilo Edicións, propón un percorrido divulgativo e rigoroso polos principais fitos históricos da cidade de Ourense

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu esta tarde a presentación do libro Chronicon Auriensis. Unha viaxe dende a Prehistoria ata a Idade Media, do escritor e divulgador histórico Alberto Cacharrón, unha obra que percorre os principais episodios da historia da cidade de Ourense desde os seus primeiros asentamentos ata os albores da Idade Moderna.

No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen puxo en valor unha publicación que definiu como “moito máis que un libro de historia”, ao constituír “un exercicio de memoria colectiva que nos invita a redescubrir quen somos, de onde vimos e por que Ourense é o que é hoxe”.

Acompañado polo propio autor, Alberto Cacharrón; polo ilustrador da obra, Miguel Mosquera; e por representantes de Teófilo Edicións, Luis Menor salientou a capacidade do libro para achegar o coñecemento histórico ao gran público sen renunciar ao rigor investigador.

“Nun tempo no que todo parece inmediato e efémero, obras como esta lembran a importancia de coñecer as nosas raíces. Unha sociedade que coñece a súa historia é tamén unha sociedade máis forte, máis consciente da súa identidade e mellor preparada para construír o seu futuro”, afirmou o presidente provincial.

Ao longo das súas páxinas, Chronicon Auriensis percorre episodios fundamentais da evolución histórica da cidade, desde a presenza dos primeiros poboadores no val do Miño ata o mundo castrexo, a romanización, a chegada do cristianismo, o Reino Suevo, as invasións viquingas ou a configuración política e relixiosa da Idade Media.

Luis Menor destacou especialmente a visión que a obra ofrece de Ourense como “un auténtico crisol de culturas”, un territorio onde ao longo dos séculos conviviron e se mesturaron pobos, tradicións e crenzas que contribuíron a conformar a identidade actual da provincia.

O presidente provincial aproveitou tamén para reafirmar o compromiso da Deputación coa promoción da cultura e da divulgación histórica. “Seguiremos apoiando iniciativas que contribúan a preservar e difundir o noso patrimonio material e inmaterial, porque a cultura é unha ferramenta de cohesión, coñecemento e desenvolvemento”, sinalou.

Durante a súa intervención, Luis Menor felicitou a Alberto Cacharrón polo “enorme traballo de investigación e síntese” desenvolvido para esta publicación e destacou a súa traxectoria como divulgador comprometido coa recuperación e difusión da historia de Galicia. Tamén tivo palabras de recoñecemento para Miguel Mosquera, cuxas ilustracións “amplían a experiencia da lectura e achegan unha nova mirada artística aos feitos narrados”.

O acto concluíu cun convite aos asistentes para descubrir esta obra e para visitar a exposición complementaria instalada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que contribúe a contextualizar e enriquecer o percorrido histórico proposto polo libro. “Que este Chronicon Auriensis sirva para seguir descubrindo, valorando e amando a nosa cidade e a nosa provincia”, rematou Luis Menor.

Comparte este artigo