O presidente provincial participou na inauguración do “Encontro de Sober”, foro que pon e dialogo ao rural e a industria como claves de futuro para Galicia
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reivindicou hoxe o papel estratéxico do rural como motor de desenvolvemento económico, social e territorial durante a inauguración de “O Encontro de Sober. Diálogos rural-industria”, un foro que reúne a representantes institucionais, empresariais e académicos para analizar os retos e oportunidades do territorio.
Na súa intervención, Menor destacou que este encontro “pon en valor algo esencial para Galicia: a capacidade de conectar o rural coa industria, a tradición coa innovación e o arraigo co futuro”, nun contexto no que, segundo sinalou, “o rural non é un problema que haxa que resolver, senón unha oportunidade que hai que activar”.
O presidente provincial situou a provincia de Ourense como exemplo desa realidade, cun modelo baseado na fortaleza do sector primario, a industria agroalimentaria, o turismo sostible e a innovación vinculada aos recursos naturais, “elementos que forman parte dun mesmo ecosistema que precisa máis cooperación e visión compartida”.
A Ribeira Sacra, ante unha oportunidade histórica
Luis Menor fixo tamén unha referencia especial ao escenario no que se celebra o encontro, subliñando a “oportunidade histórica” que supón a posible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
“Non é só un recoñecemento ao seu valor paisaxístico, cultural e patrimonial, senón unha oportunidade para demostrar que o rural pode ser excelencia, marca internacional e motor de desenvolvemento sostible”, afirmou.
Neste sentido, advertiu de que este recoñecemento “tamén nos obriga a estar á altura, a protexer o que somos e a xestionar ese crecemento con responsabilidade”.
Compromiso coa cooperación municipal
Durante a súa intervención, o presidente da Deputación incidiu no papel das administracións públicas á hora de acompañar o desenvolvemento do territorio, lembrando que a cooperación municipal é “a columna vertebral” da acción da institución provincial.
Menor destacou o traballo da Deputación para dotar aos concellos, especialmente aos máis pequenos, das ferramentas necesarias para impulsar proxectos, fixar poboación e xerar oportunidades, así como o apoio ao tecido produtivo e ao emprendemento.
“O futuro de Galicia pasa por un rural con oportunidades reais, digno e dinámico”, afirmou.
Un foro para construír futuro
“O Encontro de Sober”, impulsado por CESUGA, consolídase como un espazo de reflexión e diálogo entre empresa, universidade e territorio, co obxectivo de fortalecer o tecido produtivo e impulsar novas alianzas.
Para Luis Menor, este tipo de iniciativas son clave porque “non só permiten analizar o presente, senón construír unha visión compartida do futuro”, baseada na suma de esforzos e na posta en valor do talento existente tanto no rural como no ámbito empresarial.
O presidente provincial amosouse convencido de que este foro “vai contribuír a xerar ideas, contactos e proxectos que reforcen o desenvolvemento económico e social de Galicia”, destacando que “cando o rural e a industria camiñan xuntos, Galicia avanza con máis forza”.

