A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves na presentación da tempada teatral da Sala Ártika para o segundo semestre do ano, unha ocasión que Sánchez aproveitou para “recoñecer estes once anos xa de actividade no fomento dunha cultura galega, diversa, alternativa, creativa, innovadora e, sobre todo, comprometida co público e co talento artístico de Vigo e de Galicia”. A vicepresidenta provincial asegurou que, “con todas as dificultades”, a Sala Ártika “estades nun gran momento, totalmente reforzados e cunha capacidade artística moi interesante: estades a aportar un espazo destacado e que se consolida grazas ao voso traballo, e son moi optimista en todo o que está por vir”.
Luisa Sánchez salientou que a Deputación de Pontevedra “é moi consciente desa capacidade transmisora das artes escénicas”, un motivo polo que “estamos a ampliar a nosa presenza e o apoio neste ámbito” con programas como o +Escénicas, a celebración do Día do Teatro cunha función precisamente da compañía Ártika que levou o María Casares á mellor maquillaxe (“Pum pum. Quen hai?”) ou as Xornadas Profesionais de Escena Galega. “Seguimos nesta liña, en contacto co sector e moi atentos ao que pasa nesta Sala Ártika nesta próxima tempada”, concluíu a vicepresidenta provincial.