A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes no IFEVI de Vigo no acto de presentación da Feira Mindtech, que chega neste 2025 á súa cuarta edición. A cita, que se celebrará do 17 ao 19 de xuño, converterá á cidade “no centro neurálxico do sector metalúrxico e tecnolóxico do mundo e grazas á que poderemos mostrar o noso potencial como líderes no Polo Ibérico que conecta as economías de Europa e África”, en palabras da vicepresidenta provincial, que lembrou ademais que esta feira “crece cada ano e forma xa parte do grupo de grandes citas que poñen o foco sobre a cidade de Vigo e o conxunto da provincia”.
Luisa Sánchez aproveitou a ocasión para mostrar o “firme compromiso” da Deputación como administración pública co sector privado. “Temos que estar ao seu carón e ser capaces de seguir sendo o referente industrial non só do noroeste de España, senón tamén do conxunto de Europa. Porque facelo é contribuír ao desenvolvemento do territorio no que vivimos”, asegurou. Ademais, fixo fincapé na “visión emprendedora” da provincia de Pontevedra e da súa importancia “como lugar estratéxico cun sector industrial e empresarial pioneiro, moi especializado”.